Publicador de contidos

Publicador de contidos

Adeus a Conchita Teijeiro, presidenta de Aspnais en Lugo durante máis de catro décadas

Adeus a Conchita Teijeiro, presidenta de Aspnais en Lugo durante máis de catro décadas

Foi unha das fundadoras da Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual en Lugo

Presidenta de honra da organización, faleceu aos 94 anos

G24.gal 20/09/2025 18:18 Última actualización 20/09/2025 19:21

A asociación de pais ou titores de persoas con discapacidade intelectual de Lugo comunicou o pasamento de María Concepción Teijeiro de Pardo Ouro. Conchita Teijeiro, como era coñecida, foi presidenta da organización desde 1972 ata 2013, e contribuíu a mellorar as condicións das persoas con discapacidade intelectual.

"Aspnais nomeouna presidenta de honra, e diante do noso edificio social – antigo hospital de San José –, unha estatua en bronce, obra do artista pontevedrés José Molares, recórdaa abrazando un neno anónimo que representa a todos os usuarios do noso colectivo", aseguraba o presidente de Aspnais, José Reigosa.

Conchita Teijeiro recibiu en 2003 a medalla Castelao, e en 2018 a Medalla de Ouro da cidade de Lugo como recoñecemento ao seu labor a prol da visibilización das persoas con discapacidade. Aspnais constituíuse o 8 de xaneiro de 1966 e ela foi unha das súas fundadoras e "pedra angular" da organización como recoñeceu o seu presidente. O obxectivo primordial desta asociación desde a súa creación foi integrar social, educativa e laboralmente as persoas deste colectivo.

Será enterrada na intimidade familiar. O domingo ao mediodía oficiarase unha misa no tanatorio de Velatorios Lucenses e o luns celebrarase o funeral ás seis da tarde na igrexa de San Pedro.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar