Viveiro alerta do envío de mensaxes falsas a veciños para reclamar o pagamento da taxa de residuos
O Consistorio recomenda non premer en ningún caso na ligazón incluída nestes SMS nin facilitar datos bancarios ou persoais
Aclarou que a taxa de residuos se cobra a través do recibo da auga
O Concello de Viveiro informou os veciños de que se detectou o envío de mensaxes de texto falsas nas que se reclama "o pagamento inmediato da taxa de residuos". Nos SMS inclúese unha ligazón para realizar o ingreso.
Desde a administración local advirten de que estas mensaxes son falsas e que se trata dun intento de estafa ou fraude mediante suplantación.
O Concello lembrou que nunca solicita o pagamento de impostos ou taxas municipais a través de ligazóns enviadas por SMS.
Así mesmo, aclarou que a taxa de residuos se cobra a través do recibo da auga, por medio da empresa concesionaria do servizo, Veolia, anteriormente Viaqua, e non mediante mensaxes de texto con ligazóns de pagamento.
O Consistorio recomenda non premer en ningún caso na ligazón incluída nestes SMS nin facilitar datos bancarios ou persoais.
No caso de recibir unha destas mensaxes, aconséllase borrala de inmediato e desconfiar de calquera comunicación que reclame pagamentos urxentes por esta vía. Ante calquera dúbida sobre recibos, os veciños poden contactar directamente cos servizos municipais.