Vinte detidos en Francia por mercar bonecas sexuais en plataformas chinesas de venda en liña
No país galo está prohibido posuír ou importar este tipo de artigos con penas de ata cinco anos de cadea e multas de 75.000 euros
A Oficina do Menor francesa investiga desde comezos de novembro a distribución a través de Shein, AliExpress, Temu e Wish
A comezos de novembro a Oficina de Menores de Francia iniciou unha investigación para dar con potenciais compradores de bonecas sexuais de aspecto infantil en catro plataformas de venda en liña: as chinesas Shein, AliExpress e Temu e a estadounidense Wish. Froito desas pescudas, a Fiscalía de París informa agora da detención de vinte homes de entre 20 e 70 anos por mercar esas bonecas en Shein e AliExpress.
Cinco dos arrestados teñen antecedentes por delitos sexuais relacionados con menores. En Francia está prohibido posuír ou importar este tipo de artigos e as penas poden supor ata cinco anos de cadea e multas de 75.000 euros.
A raíz de descubrirse a venda destas bonecas na plataforma Shein, en Francia xerouse unha gran polémica e o Goberno puxo en marcha un operativo especial nas aduanas, polo que as empresas de transporte están obrigadas a abrir e revisar os paquetes procedentes da China e informar a policía se atopan produtos deste tipo.
Ademais, o Goberno galo solicitou nos tribunais a suspensión temporal de Shein en territorio francés ou polo menos, a limitación de certos produtos de orixe asiática.
A empresa chinesa considera a medida "desproporcionada e ilegal", pero para evitar o risco de peche en Francia, amais de retirar as bonecas, decidiu suspender temporalmente a oferta de vendedores externos e de calquera produto que non sexa roupa.
A sentenza xudicial sobre a posible sanción ou suspensión comercial agárdase para o próximo 19 de decembro. Entrementres seguen as pescudas sobre esta e outras plataformas e os posibles compradores. A policía non descarta que poida haber máis arrestos nos próximos días.