Unha nai en Francia confesa que ocultou nun conxelador os cadáveres de dous bebés
Eran fillos seus, nados entre 2011 e 2018
A súa exparella alertou a policía tras atopar os corpos envoltos dos meniños
Arquivo/EFE
Unha muller de 50 anos foi acusada este venres en Francia tras achar no seu conxelador os cadáveres de dous bebés. Confesou que eran fillos seus e que ocultou os embarazos e os nacementos dos pequenos á súa familia.
A muller foi detida na madrugada do pasado mércores en Boulogne-Billancourt, nos arredores de París, no domicilio doutro dos seus fillos, despois de que a súa última parella denunciara ante a policía o achado macabro no domicilio que ambos compartían en Aillevillers-et-Lyaumont, no leste do país.
O home, de 52 anos, do que se separou en decembro pasado, atopou o cadáver dun primeiro neno no conxelador da casa que ambos compartiran durante anos. Despois achou un segundo corpo oculto nunha bolsa, no mesmo lugar.
Enseguida denunciou os feitos á xendarmería, que acudiu ao lugar e abriu unha investigación.
A muller, nai doutros nove fillos de tres pais diferentes, confesou os feitos en dependencias policiais. Asegurou que dera a luz aos dous nenos entre 2011 e 2018, que os envolveu e os gardou nun conxelador que tiñan no soto da casa que habitaban e que só ela utilizaba.
Segundo explicou aos investigadores, ocultou os seus embarazos e o nacemento dos nenos á súa contorna familiar.