Galicia e outras comunidades frean a intención do Goberno de prohibir a pesca da anguía
O Ministerio para a Transición Ecolóxica retira esta iniciativa "ante a solidez das alegacións" presentadas pola Xunta, segundo a conselleira do Mar
Crearase un grupo de traballo para abordar a situación desta especie
A conselleira do Mar da Xunta, Marta Villaverde, asegurou este martes que Galicia conseguiu "frear" a intención do Goberno central de declarar a anguía como especie en perigo de extinción. Despois da reunión do Comité de Flora e Fauna Silvestres, entre o Ministerio para a Transición Ecolóxica e as comunidades autónomas, na que se incluía na orde do día este asunto, Villaverde explicou que Galicia "expuxo as súas razóns" en contra da declaración da anguía como especie ameazada e a prohibición de pescala.
Engadiu a conselleira que se trata "dunha proposta sen sentido", polo que Galicia "xunto a outras cinco comunidades autónomas, votou expresamente en contra, tombando así a iniciativa" do Goberno central. Rexeitaron tamén esta medida Valencia, Asturias, Cantabria, Murcia e Baleares.
Grupo de traballo
O Miteco, segundo Villaverde, retirou a proposta "ante a solidez das alegacións expostas por Galicia". A iniciativa de declarar a anguía como especie ameazada fora presentada o día 30 de xaneiro. Este martes acordouse non elevala ao comité estatal, así como crear "un grupo de traballo para ter en conta todos os datos expostos" nesas alegacións.
Segundo explicou a conselleira do Mar, as razóns en contra son as mesmas que a Xunta xa leva expoñendo varios días, ao considerar que se trata dunha iniciativa que non está baseada en "datos científicos rigorosos", e que "non ten en conta o impacto socieconómico", nin a normativa pesqueira que regula esta pesqueira, que se realiza "de forma totalmente sostible e responsable por parte do sector".
Ademais, sería unha "media estéril", argumentou Villaverde, xa que só levaría á prohibición da pesca da anguía en España mentres que noutros territorios limítrofes, como Francia e Portugal, "poderían seguir pescándoa e comercializándoa".