Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un home armado cun coitelo intenta atacar xendarmes no Arco do Triunfo de París

Un home armado cun coitelo intenta atacar xendarmes no Arco do Triunfo de París

O agresor foi reducido a tiros e faleceu no hospital

A Fiscalía Antiterrorista asume a investigación do suceso

O home era coñecido por acoitelar dous policías en Bélxica en 2012 e atopábase baixo vixilancia en Francia

REUTERS/Benoit Tessier REUTERS/Benoit Tessier
G24.gal 13/02/2026 21:06 Última actualización 13/02/2026 21:18

Un home armado cun coitelo intentou atacar este venres varios xendarmes no Arco do Triunfo de París e foi reducido a tiros polos axentes. 

O atacante feriu levemente un membro da banda de música da Xendarmería antes de ser neutralizado e trasladado ao hospital en estado crítico. Alí acabou falecendo.

Os feitos ocorreron pouco despois das 18.00 horas deste venres, durante o reacendido da lapa do Soldado Descoñecido, no monumento situado na praza Charles de Gaulle da capital francesa.

O ministro francés do Interior, Laurent Nuñez, explicou que o home intentou agredir con coitelo a membros da Xendarmería, incluídos integrantes da banda que se preparaban para a cerimonia diaria de homenaxe á I Guerra Mundial. 

Un segundo xendarme utilizou a súa arma regulamentaria para reducir o atacante tras a agresión.

A Fiscalía Antiterrorista abriu unha investigación preliminar e asumiu o caso.

O sospeitoso estaba baixo vixilancia

O presunto autor chamara horas antes á comisaría de Aulnay-sous-Bois para anunciar que ía cometer un atentado en París contra soldados.

O home era coñecido por acoitelar dous policías en Bélxica en 2012 e atopábase baixo vixilancia en Francia. Segundo varios medios, figuraba no sistema Micas, unha medida individual de control administrativo e seguimento de sospeitosos de terrorismo.

Antes de atacar, berrou consignas contra a morte de mulleres e nenos e fixo referencia ao Arco do Triunfo.

Tras o suceso, as autoridades estableceron un cordón de seguridade na zona. O tráfico quedou restablecido arredor das 20.00 horas.

A empresa pública de transportes de París informou do peche da estación Charles-de-Gaulle-Étoile, por motivos de seguridade. Por esa estación circulan dúas liñas de metro e unha de trens de proximidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade