Vinganza entre furtivos ou móbil económico, detrás do incendio dun coche en Camariñas
Unha pedra de grandes dimensións entre os asentos é a proba principal de que foi intencionado
Empezou a arder pouco despois da medianoite, nunha calella con entrada e saída pero protexido de miradas alleas. De feito, ninguén viu nin escoitou nada, e o coche ardeu.
"Estaba completamente queimado. Os voluntarios de Protección Civil xa extinguiran as lapas e foi preciso arrefrialo porque tiña moitos puntos quentes", explica José Ferrío, sarxento de Bombeiros do Parque de Cee.
Tanto ardeu que sacaron modelo e cor pola matrícula: un Ford Fiesta de cor vermella con sorpresa dentro que deixou unha man, de momento, anónima.
"Unha vez arrefriado, xa nos puidemos a achegar a inspeccionalo por dentro e comprobamos que había unha pedra de grandes dimensións entre os dous asentos, polo que sospeitamos que é unha proba clara de que é intencionado. Alguén a lanzou, soa non cae", engade Ferrío.
Non se descarta que mesmo usaran un acelerante. O que aínda non se sabe é quen e por que, pero fálase... e investígase.
Barállase un axuste de contas entre furtivos, relacionado co último comiso de centola ilegal en Camariñas. 74 quilos de marisco ilegal que ás portas do Nadal supoñían cartos, pero que se frustrou.
Neses baixos fondos onde todos se coñecen, culpan o dono do coche do sopro. El mesmo ten antecedentes por furtivismo. É dos coñecidos na vila e tamén nos ambientes policiais.
Pero o ruxerruxe vai máis alá, e coa boca pequena, comparan este caso co doutro veciño que encargou o incendio do seu propio coche para cobrar o seguro.
Sábese que o home non estaba esa noite na casa porque foi pai.
A súa nai, como titular do coche, xa presentou a denuncia no cuartel da Garda Civil de Camariñas, que non descarta ningunha opción.