Organizan un concerto solidario para axudar unha veciña de Culleredo a quen lle ardeu a casa
O evento celebrarase o sábado 21 de marzo na pista polideportiva de Castro-Laxe
Desde a organización destacan a rápida resposta cidadá e todo o apoio recibido
"Está case toda destruída e, por aí, todo. Non nos deixan entrar porque pode colapsar. E non teño seguro. Hai un ano que o din de baixa. Ten a casa 125 anos, nunca pasou nada, non vai pasar agora que lle quitei o seguro. E mira ti".
Así explicaba Carmen o xoves pasado a situación en que quedaba despois de que as lapas devoraran a súa vivenda. Desde entón, ela, un fillo seu e mais unha neta, están a vivir co seu cuñado Alfredo.
"Quedou na ruína total. Agora está vivindo na miña casa porque eu tiña sitio. A casa non creo que teña forma de reconstruírse".
Así as cousas, Culleredo reaccionou como en Fuenteovejuna.
"Foi unha traxedia bastante grande na vila, e aínda por riba morreulle un fillo agora. Había que axudar a Carmiña como fora. Ofrecéronos facer unha andaina, escribíronnos moitos comercios locais para axudar...", explica Marcos Méndez, o presidente da asociación de veciños.
E así foi como xurdiu a idea de organizar unha xornada solidaria, o sábado 21 de marzo, na pista polideportiva de Castro-Laxe, a poucos metros da vivenda de Carmen, en que non faltará a música.
"Eu avisei todos os músicos que coñecía e agora temos que seleccionar porque hai máis de cincuenta", conta Abel Franqueira, músico e organizador do concerto solidario.
Amais, habilitarase unha fila cero para aquelas persoas que non poidan acudir á cita, pero queren achegar o seu gran de area.
"Ninguén dixo que non. Todo o mundo está disposto a colaborar", engade Franqueira.
"Intentaremos recadar todo o que poidamos para poder levantar unha casa pequena para Carmiña, o seu fillo e maila súa neta. Realmente creo que non agardaban todo isto, pero nós estaremos aí para axudala en todo o que poidamos. En todo", conclúe Méndez.