Publicador de contidos

Publicador de contidos

Villares: "Non ten sentido reducir o consumo de peixe nos comedores escolares"

Villares: "Non ten sentido reducir o consumo de peixe nos comedores escolares"

O conselleiro do Mar rexeita a proposta do Ministerio de Consumo de pasar das tres racións de peixe semanais a só unha por semana

Alfonso Villares oponse a incluír a anguía no catálogo de especies protexidas: "Esa norma castiga un sector que está facendo as cousas ben"

 

O conselleiro do Mar Alfonso Villares, nunha entrevista no Bos días
G24.gal 30/01/2025 10:40

O conselleiro do Mar rexeita a proposta do Ministerio de Consumo de reducir o consumo de peixe nos comedores escolares. A Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) recomenda poñer peixe nos menús polo menos tres veces á semana, pero o departamento de Pablo Bustinduy estuda reducir a pauta de tres a unha ración semanal.

Nunha entrevista no Bos días, Alfonso Villares asegurou: "Eu creo que contradí todos os informes de saúde e boa nutrición da OMS e cáusanos unha sorpresa desagradable", explica. Ao seu xuízo, "non ten moito sentido", e causará impacto nun sector que adoece coa caída do consumo de peixe en España nun 24 por cento nos últimos dez anos.

Ao sector interésalle que a xente consuma peixe. Vemos unha caída no consumo, levamos tres anos pedindo a baixada do IVE para potenciar o consumo de peixe e non entedemos como non se toma o camiño da saúde e o do sentido común".

O conselleiro, que promocionou os produtos pesqueiros galegos en Madrid Fusión, pídelle ao Goberno que aplique un IVE reducido a peixes e mariscos e poña en marcha campañas de promoción do consumo destes produtos por toda España. Está en xogo, di, o futuro do sector no que traballan directa ou indirectamente cincuenta mil persoas e representa o 5% do PIB.

"Temos plans de xestión que permiten capturar a anguía de xeito responsable"

O conselleiro do Mar non comparte a proposta de Bruxelas de incluír a anguía no catálogo de especies protexidas. Cre que prexudicará as cen embarcacións galegas que andan a esta especie. Segundo explicou, en Galicia o recurso "estase mantendo" xa que existen plans de xestión que permiten "capturar a anguía de xeito responsable". 

"O sector está facéndoo ben e esa norma castiga un sector como o galego que está facendo as cousas ben", como xa ocorreu hai uns anos coa prohibición de pesca de fondo en determinadas áreas do Atlántico.

O conselleiro explicou que a Xunta abrirá unha rede de oficinas por toda Galicia para aproveitar as axudas europeas dirixidas ao sector pesqueiro.

Estarán situadas en Vigo, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Ribeira, A Coruña, Ferrol e Viveiro e axudarán a sacar partido ás empresas da cadea mar-industria e aproveitar ben as axudas.

"Ás veces a xente quere acceder a fondos europeos que son complexos de xestionar. Estas oficinas botaranlles unha man para que poidan endereitar os seus proxectos". Xunto ás sete oficinas presenciais, o Goberno galego abrirá unha "oficina virtual" que se encargará de canalizar, de xeito gratuíto, toda esta petición de axudas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade