A Comisión da Competencia aproba unha suba do 6,44 % das taxas de Aena para 2026
O ingreso máximo por pasaxeiro queda en 11,02 euros por conceptos como uso das terminais, pistas, pasarelas, os controis de seguridade e que as compañías repercuten nos billetes
Arquivo (Europa Press/Ricardo Rubio)
A Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) aprobou para 2026 un incremento medio do 6,44 % das tarifas de Aena e axustou á alza a previsión de tráfico para o próximo ano, polo que o ingreso máximo por pasaxeiro axustado aplicable queda en 11,02 euros.
Na última década, existiu unha restrición legal que limitaba ad hoc o aumento das tarifas e que en 2026 xa non aplica, lembra este xoves o organismo nunha nota, na que precisa que en xullo ratificara a proposta do xestor aeroportuario de subilas 0,68 euros por pasaxeiro para 2026 ata os 11,03 euros.
Estas tarifas aeroportuarias son importes que Aena cobra ás aeroliñas por utilizar as súas terminais, pistas, pasarelas, os controis de seguridade, etc; e teñen impacto no prezo dos billetes de avión.
En xullo de 2025, a CNMC xa supervisara un dos compoñentes da fórmula de variación tarifaria: o Índice P, que actualiza o prezo dos servizos que Aena non controla directamente (soldos do persoal público, de navegación aérea, a enerxía eléctrica ou os tributos locais).
Durante os períodos regulatorios de 2017 a 2021 e de 2022 a 2025, as tarifas permaneceron estables ou baixaron dun exercicio a outro, salvo de 2023 a 2024, cando subiron un 4,09 %, tras a aprobación polo Consello de Ministros dun índice P do 3,5 %, indica a CNMC.
Para alcanzar o equilibrio tarifario entre os ingresos e os custos dos servizos, a subida de 2026 non é uniforme e repártese de forma asimétrica.
En concreto, a maior variación tarifaria vén polo estacionamento (12 %), mentres na prestación de aterraxe, seguridade, servizo de meteoroloxía e utilización de pasarelas telescópicas é do 7,25 %.
Ademais, no servizo de tránsito de aeródromo, utilización de infraestruturas, handling, cátering e combustible de aviación a variación é do 5 %.
A CNMC encárgase de supervisar a proposta de tarifas de Aena e controlar que é conforme co marco legal. Ademais, o organismo tamén supervisou o proceso de consultas de Aena coas aeroliñas para as tarifas de 2026 e comprobou que cumpre coa legalidade.
A proposta tarifaria de Aena xerou un choque coa aeroliña irlandesa de baixo custo Ryanair, que anunciou peches de bases e supresión de prazas como protesta ante unhas tarifas que considera abusivas.
Desde Aena e desde o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible defenden que estas tarifas son as máis competitivas de Europa e que non van ceder á "chantaxe" de Ryanair nin a supeditar o modelo de éxito español para que esta aeroliña teña máis beneficio.