Máis de 3.400 voos cancelados en distintos países de Oriente Próximo
Os viaxeiros bloqueados nos aeroportos agardan con incerteza saír dos países afectados
Varios aeroportos foron obxectivo de ataques con drons e mísiles
Máis de 3.400 voos quedaron cancelados durante esta xornada en Oriente Próximo. Ademais do peche do espazo aéreo de Israel as principais aerolíñas suspenderon tamén as operacións cara aos Emiratos Árabes, Qatar, o Líbano ou Xordania. Os propios aeroportos están sendo tamén atacados polo mísiles.
A imaxe que nos deixa o radar de voos en tempo real sobre Oriente Próximo amosa que non hai case ningún avión sobrevoando Irán, Iraq, Kuwait nin tampouco Israel e os países fronteirizos. O espazo aéreo de Qatar tamén está pechado. Milleiros de pasaxeiros quedaron bloqueados sen poder saír dos lugares afectados e neste momento o perigo non se restrinxe só ao espazo aéreo porque os aeroportos son tamén obxectivos dos ataques, como o de Dubai.
En Doha o aeroporto está inoperativo polo menos ata luns e os viaxeiros que facían escala aquí agardan desde hai 24 horas retornar a España mentres escoitan as explosións.
"Escoitábanse bastante preto e aí si que nos preocupamos bastante. Avisáronnos desde o hotel de que non podiamos ir ao aeroporto e que os voos estaban suspendidos. Con esa incertidume non sabes que vai pasar e canto tempo vas estar nesta situación", asegura un turista.
Desde as axencias de viaxes levan toda a fin de semana facendo un seguimento da situación que están a vivir os galegos con voos cancelados.
"Estamos monitorizando a situación de xeito preciso e traballando dunha maneira proactiva cos nosos viaxeiros que están nas zonas afectadas para darlles unha asistencia completa, información das embaixadas e sobre a situación real que se está dando no lugar", di Óscar Regal, vicepresidente da Asociación Galega de Axencias de Viaxes.
En canto aos viaxeiros que tiñan previsto voar nos próximos días por estes aeroportos os axentes tratan de reprogramar as viaxes para que poidan saír por outras rutas.