O sol axuda a apurar os traballos agrarios
Os días de bo tempo están a ser xornadas de moita faena para os agricultores que avanzan nos traballos atrasados polos temporais
Miguel é un dos socios da cooperativa Horsal, de Cambados, que hoxe apura a poñer os pementos. Pero aínda hai zonas do invernadoiro que se resenten do exceso de auga.
"No mes de xaneiro e sobre todo febreiro tivemos complicacións para reunir superficie, por invernadoiros que voaron, romperon, que estaban encharcados. A mediados de abril podemos ter escaseza de leituga, aínda que tentaremos abastecer os nosos clientes. Pero nos cultivos de verán, como xudía, pemento, aínda que case levamos un mes de atraso, eu creo que aínda estamos a tempo", explica Neida Vila, a directora técnica de Horsal.
Repolo, espinaca, leituga, cabaza de violín son os produtos que comezan a ir saíndo.
Tamén hai traballo nas viñas. No Salnés, a moitos chegoulles o tempo de atar sen acabar a poda.