Publicador de contidos

Publicador de contidos

Aena investirá máis 200 millóns nos aeroportos galegos, sendo Santiago o máis beneficiado

Aena investirá máis 200 millóns nos aeroportos galegos, sendo Santiago o máis beneficiado

A achega realizarase entre os anos 2027 e 2031 

A terminal de Santiago-Rosalía de Castro recibirá 108 millóns; Alvedro, 50, e Peinador, 49,4 millóns 

Pista do aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro Pista do aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro
G24.gal 25/02/2026 15:14

Os tres aeroportos de Galicia recibirán máis de 200 millóns de euros, dos que 107,9 achegaranse á terminal de Santiago, o que supón máis do dobre dos 41,5 millóns que recibiu nos cinco anos anteriores. 

O Consello de Administración de Aena aprobou a proposta de Documento de Regulación Aeroportuaria (DOURA) para o período 2027-2031, cun investimento previsto de preto de 13.000 millóns en toda España.

Aeroporto Santiago-Rosalía de Castro

No aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro está previsto que se leven adiante actuacións de mellora, como a adecuación do sistema PCI, a reforma de vías e de elementos electromecánicos e cubertas e a climatización de prepasarelas e renovación de aseos.

Na mesma terminal realizaranse actuacións no campo de voo e na plataforma e tamén se incrementará a seguridade operacional coa rexeneración da pista e de pavimentos de rodadura e dos sistemas de información e comunicacións. Ademáis melloraranse os sistemas eléctricos e o simulador de lume e ampliaranse os aparcadoiros.

Para este investimento de 107,9 millóns no aeroporto santiagués, Aena propuxo un incremento medio anual da tarifa que, no caso desta terminal será de 35 céntimos, que quedarían en 25 de aplicarse os incentivos.

Aeroporto de Alvedro 

O investimento para o quinquenio na Coruña é de 50 millóns de euros, máis do dobre dos 21,9 millóns do lustro anterior.

Con eses cartos executaranse actuacións para mellorar a operativa dos voos Non Schengen, construirase un novo edificio SEI e cocheiras e realizaranse obras no campo de voo e a plataforma. Aena propuxo un incremento medio de 25 céntimos na Coruña, que quedarían en 10 céntimos en caso de aplicarse os incentivos.

Aeroporto de Peinador 

Para a terminal de Vigo, o investimento proposto por Aena entre os anos 2027 e 2031 é de 49,4 millóns de euros, case idéntica aos 49 millóns do lustro anterior na que se executou a rexeneración profunda da pista.

No aeroporto de Peinador renovaranse as pasarelas de embarque, caldeiras e climatización, reformarase a zona de autobuses, así como os sinais e os depósitos de auga potable e contraincendios. Tamén se levarán adiante actuacións no campo de voo e a plataforma e mellorarase a seguridade do valado perimetral ademáis de outras actuacións no aparcadoiro e nos sistemas de información e comunicacións así como no simulador SEI.

En Vigo, AENA propón un aumento de 25 céntimos na tarifa, que quedarían en 10 en caso de aplicarse os incentivos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade