A Xunta destinará 100.000 euros a promoción turística en cada nova ruta aérea captada
"Estamos a falar de poder conseguir seis destinos novos cada ano en Galicia, que desde o noso punto de vista e o de Aena é un obxectivo alcanzable e realista", asegura o conselleiro Diego Calvo
O Goberno galego abre a porta a desenvolver convenios cos concellos para ampliar este fondo económico
O obxectivo é conseguir polo menos dúas novas rutas por aeroporto
Os operadores turísticos prevén que o turismo medre en Galicia un 4,8 por cento
Nun momento de cambios no sistema aeroportuario, o Goberno galego avanza na súa proposta para atraer novas rutas á nosa comunidade.
"Cada voo novo que se consiga en calquera dos tres aeroportos galegos, a Xunta de Galicia vai dispoñer de 100.000 euros para consolidar ese voo e ese ditino. Eses cartos gastaranse en promoción nese destino en concreto", explica o conselleiro da Presidencia, Diego Calvo.
"Estamos a falar de poder conseguir seis destinos novos cada ano en Galicia, que desde o noso punto de vista e o de Aena é un obxectivo alcanzable e realista", engadiu.
Calvo explicou este modelo tras unha reunión con representantes do sector empresarial e turístico de Santiago, coa que a Xunta iniciou unha roda de contactos con diversas entidades das tres cidades galegas con aeroporto para trasladar cal será o seu papel na captación de novos rutas.
O conselleiro sinalou que esta achega da Xunta supón un "cambio substancial" con respecto ao que existía ata o de agora e sumarase ás que fagan os concellos e as deputacións e ao propio modelo de Aena para captar rutas.
Ademais, os 100.000 euros poderán destinarse a promoción en orixe realizada directamente pola Xunta ou, no caso de que así o desexen, polos concellos de Santiago, A Coruña ou Vigo.
"Estamos dispostos a facer un convenio co concello e que sexa este o que invista en promoción eses 100.000 euros que imos poñer", indicou.
Polo menos dúas rutas novas por aeroporto
O obxectivo é conseguir polo menos dúas novas rutas por aeroporto. E abrir a posibilidade de ampliar a colaboración aos concellos de Santiago, Vigo e A Coruña e tamén ás deputacións provinciais para asegurar unhas rutas estables. Os empresarios din que é un cambio importante para avanzar na conectividade dos aeroportos.
"Todas as cidades galegas temos que estar concetadas con calquera hub europeo ou internacional", reclama a presidenta da Cámara de Comercio de Santiago, María Pais.
Un punto de partida co que o sector hostaleiro de Santiago chama a superar localismos.
"Valoramos a valentía e o deber da Xunta de liderar este proceso de cooordinación do sistema aeroportuario galego", di Lois Lopes, presidente de Hostalaría.gal.
Os tres aeroportos galegos rexistraron o pasado ano mais de 5 millóns e medio de viaxeiros, case un 7 % menos respecto do ano anterior.