Calvo aspira a conseguir dúas rutas estables por aeroporto co modelo de Aena
O Goberno galego destinará 100.000 euros á promoción turística de cada unha destas novas rutas
O conselleiro da Presidencia reúnese este martes con representantes das deputacións da Coruña, Ourense e Pontevedra
A Xunta toma medidas para tentar reverter a caída de volume de pasaxeiros nos aeroportos galegos e mellorar a conectividade atraendo seis novas rutas nas terminais aéreas. Vaino facer investindo 100.000 euros para a promoción turística de cada unha destas rutas, o obxectivo de garantir a súa viabilidade a medio e longo prazo.
Nunha entrevista no Bos días, o conselleiro da Presidencia explicou que se trata de conseguir enlaces "sostibles" e estables, que se manteñan no tempo. Un obxectivo, afirma, "alcanzable e razoable" se todas as administracións se suman.
"Decidimos que non se lle podía dar unha cantidade ás aeroliñas para que veñan a un destino", afirma. "Queremos facer entre todos que esa demanda sexa sustentable e que ese voo poda permanecer no tempo en cada un dos aeroportos".
A semana pasada o conselleiro da Presidencia expúxolle o seu plan a representantes do tecido empresarial de Santiago. Esta semana farao co sector económico da Coruña e Vigo e con integrantes das deputacións da Coruña, Ourense e Pontevedra, aos que recibe este martes. "Os da deputación de Lugo non confirmaron", explica. O obxecivo é abordar canda eles o repartimento equitativo de voos entre os tres aeroportos.
Calvo deixa a porta aberta a que outras administracións se sumen a estas promocións. "Se as cidades queren nós estamos dispostos a conveniar eses 100.000 euros e que fagan eles os labores de promoción", sostén, "cantos máis sexamos máis posibilidades teremos de ter voos novos en cada aeroporto".
O conselleiro da Presidencia critica a tardanza do Goberno central en traspasar a Galicia as competencias dos aeródromos de interese xeral.
"Ás veces dános a sensación de que non se tramita coa mesma celeridade en Galicia que noutras comunidades autónomas".