O prezo do transporte por estrada revisarase automaticamente segundo o custo dos carburantes
O Consello de Ministros aproba establecer sancións para asegurar a súa aplicación en defensa dos transportistas
O Consello de Ministros aprobou un real decreto-lei para que os prezos do transporte de mercancías por estrada se revisen de forma automática en canto os carburantes rexistren unha alza do 5 % no seu prezo, co obxectivo de asegurar que as variacións no prezo do combustible se trasladan de forma efectiva ao prezo do transporte.
Na conferencia de prensa posterior ao Consello deste martes, o ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, explicou que esta medida responde á situación extraordinaria derivada do conflito en Oriente Medio, que aumentou o prezo dos combustibles e está a afectar o sector do transporte, principalmente formado por pequenas e medianas empresas.
As novas medidas afectan tanto o sector do transporte por estrada como o ferroviario e marítimo de mercancías, e completan as establecidas na Real Decreto-lei 7/2026 aprobado o pasado 20 de marzo, no que se estableceu unha axuda de 20 céntimos por litro de combustible e outras axudas directas os transportistas.
Respecto ao primeiro eixe de actuación, céntrase no transporte de mercancías por estrada, un sector co que o Ministerio levou a cabo un proceso de diálogo a través do Comité Nacional do Transporte por Estrada (CNTC), co que pactou as novas medidas.
Así, o real decreto-lei consolida o carácter obrigatorio e automático da revisión do prezo do transporte cando se produzan variacións no prezo do combustible, que se deberá reflectir expresamente na factura, á vez que se introduce un réxime sancionador específico en casos de incumprimento.
Modo ferroviario
O segundo eixe de actuación baséase na incorporación de novas medidas específicas para o transporte ferroviario de mercancías, para o que se establece unha liña de axudas directas para 2026 destinada a compensar o sobrecusto do combustible nas locomotoras diésel.
Estas axudas ascenden a 15.000 euros por locomotora activa, cunha dotación total de 3,15 millóns de euros, co obxectivo de evitar unha perda de competitividade do ferrocarril fronte a outros modos de transporte e garantir a súa continuidade no sistema loxístico.
Ámbito marítimo
O terceiro eixe refírese o transporte marítimo, para o que se amplía en 7 millóns de euros os 30 inicialmente previstos, para incluír expresamente os servizos de carga pura entre portos peninsulares e dos arquipélagos balear e canario, de Ceuta e de Melilla, e entre portos dos Arquipélagos aos servizos xa recollidos na Real Decreto-lei 7/2026.
Ademais destas medidas principais, o decreto introduce axustes e clarificacións no marco normativo existente, entre eles a inclusión de determinados colectivos no sistema de axudas xa aprobado no decreto anterior (eurotaxis ou taxis adaptados a persoas con mobilidade reducida) e a adaptación das medidas a territorios con características específicas como Ceuta e Melilla.