Vilanova dos Infantes, exemplo da loita dos veciños contra o feísmo
O ano pasado executaron quince intervencións, que converteron a Celanova no segundo concello con máis axudas a particulares para corrixir os impactos paisaxísticos
A Asociación de Veciños Gutier Menéndez é a que impulsou esta concienciación para mellorar a imaxe da aldea e axúdalles a tramitar as subvencións
Hai un ano que Jorge e a súa muller decidiron trasladarse a vivir a Vilanova dos Infantes e acondicionar a casa dos seus antepasados. "Grazas á Asociación, que é moi activa, obtivemos unha axuda para eliminar o cemento da fachada e deixar a pedra como estaba antes", afirma Jorge Prado.
É unha das quince intervencións que se levaron a cabo o ano pasado nesta aldea para mellorar o aspecto exterior de vivendas e outras edificacións, como palleiras ou garaxes. Foron os que máis axudas a particulares executaron despois de Lobios. Leváronse a cabo dende melloras de fachadas a cambios de portas ou acondicionamento de tellados e peches.
Tras esta concienciación dos veciños está a Asociación Gutier Menéndez. Eles encárganse de asesorar e tramitar as axudas, que poden chegar ata os 3 mil euros por particular e que botaron a andar en 2021 para corrixir os impactos paisaxísticos. Nos últimos anos acometéronse en Vilanova dos Infantes unha trintena de actuacións, como lembra o tesoureiro da Asociación, Xan Carlos Fernández, e aínda quedarían, di, outras tantas por realizar. Están pendentes da resolución deste ano para continuar co traballo que —din— axuda os veciños a revalorizar o seu patrimonio pero tamén contribúe a conservar e impulsar a beleza deste burgo medieval.