A seca seguirá agravándose en Galicia: non se albisca máis chuvia este mes
Con Vigo xa son un cento os concellos que xa adoptaron restricións de auga
As duchas das praias teñen menor presión, prohíbese encher piscinas e limítase o rego de parques e xardíns
O concello de Xermade prohíbe encher piscinas, lavar os coches e regar
Vigo tamén toma medidas preventivas contra a seca e apela á responsabilidade da cidadanía e das industrias para aforrar auga. As duchas e lavapés de Samil teñen desde agora menos presión, tamén queda prohibido encher as piscinas privadas no concello e limítase o rego en parques e xardíns, para reducir o máximo posible o consumo.
Son medidas que seguen o rastro das que xa se tomaron noutros municipios e que tratan, tamén, de concienciar a poboación. Na teoría parece que funcionan, a pé de praia todos os consultados aproban e aplauden as restricións
O principal provedor de auga da cidade, o encoro de Eiras, está ao 83,8 por cento da súa capacidade. O de Zamáns, moito máis pequeno, anda por un 55 por cento. A escaseza de chuvias en Vigo é alarmante, e o rexistro sitúase tres veces por debaixo do normal a esta altura do ano, segundo os datos procesados polo climatólogo da Universidade de Santiago Dominic Royé.
O problema é que non se albiscan cambios, segundo informa a presentadora de 'O tempo' na TVG Mabel Montes, que explica que de aquí a finais de mes a previsión apunta a unha estabilidade do anticiclón e, polo tanto, á inexistencia de frontes que poidan traer precipitacións.
A excepción podería darse con algunha treboada ou con algunha chuvia feble na Mariña de Lugo. Así que semella que as medidas restritivas que xa tomaron preto dun cento de concellos veñen para quedar un tempo.