A comunidade médica reclama que os biomarcadores pasen a formar parte do Sistema Nacional de Saúde
500 especialistas compartirán coñecemento sobre tratamentos personalizados contra o cancro
A oncoloxía de precisión, en que xogan un papel moi importante os biomarcadores, permite abordar o tratamento do cancro de forma personalizada e grazas a ela estanse conseguindo supervivencias nunca vistas.
"Cada vez temos máis biomarcadores que nos axudan non só a facer un diagnóstico preciso, senón fundamentalmente a tomar unha decisión personalizada sobre o tratamento dos nosos doentes", apunta Sergio Vázquez, xefe do Servizo de oncoloxía no Hospital Universitario Lucus Augusti.
Por iso a comunidade médica segue reclamando que os biomarcadores pasen a formar parte do Sistema Nacional de Saúde e que haxa un modelo unitario para que todos os enfermos poidan acceder por igual ás innovacións terapéuticas.
"No noso, o Sergas é o que máis rápido accede a isto pero en España hai unha inequidade terapéutica absoluta, pode haber diferenzas de 3 anos dende que nós podemos poñer aquí un fármaco ou combinación de fármacos activo a un determinado tumor con respecto a outras comunidades autónomas españolas", continúa o doutor Vázquez.
Estas son algunhas das cuestións que se abordarán entre hoxe e mañá no IV Simposio Nacional de Oncoloxía de Precisión que está tarde se inaugurará en Vigo.