Extirpar o tumor e reconstruír o rostro na mesma intervención, o reto cumprido dos maxilofaciais
O domingo 8 celébrase o Día Mundial do Supervivente de Cancro, unha xornada para lembrar o camiño que queda tras a curación
No caso dos cancros de cabeza e colo, os cirurxiáns maxilofaciais lograron grandes avances que permiten reducir o número de intervencións cirúrxicas para reconstruír o rostro tras a extirpación do tumor.
Xa hai quince anos que Sabina Pose recuperou a súa vida normal, despois dun cancro oral, cunha recidiva, que daquela a obrigaron a someterse a varias operacións. A intervención que lle fixo o doutor José Ferreras aínda hoxe é obxecto de estudo en congresos internacionais. Con óso do peroné, conseguiron reconstruír a mandíbula primeiro, e despois alongala en sentido horizontal.
"O que se me ocorreu foi, en vez de facer medrar o óso en vertical ímolo facer en horizontal. O que facemos é un transporte óseo. Quitamos a zona do tumor, corto un disco de transporte e cunha chave Allen ela dá unha volta ao día e así vaise rexenerando", explicou José Ferreras, cirurxián maxilofacial.
"Podo comer e falar con normalidade. Teño unha parte da meixela con parálise pero é que daquela había que facer moitas operacións. Agora, modernizouse", dixo a paciente, Sabina Pose.
A eliminación das secuelas funcionais e estéticas é un dos principais retos tras a eliminación do cancro. Hoxe grazas ás novas tecnoloxías, conséguese ás veces extirpar o tumor e reconstruír o rostro unha soa operación
"Si quitei óso da mandíbula (para extirpar o tumor), pois antes de operar xa planifico como e de onde vou poñer ese óso, no mesmo acto cirúrxico. E se teño que quitar a lingua, pois teño que ver con que reconstrúo para volver ter unha nova lingua. Os procedementos cirúrxicos son, esencialmente, os mesmos que hai quince anos pero os avances en técnicas de imaxe, como os TAC 3D, ou as planificacións virtuais, permiten concretar moi ben para que ao chegar á cirurxía todo estea xa moi ben medido e definido", detalla José Ferreras, cirurxián maxilofacial.
Os doutores insisten nos hábitos saudables e na revisión anual dos odontólogos. Un cancro desde tipo en estadios iniciais ten unha porcentaxe de recuperación por riba do 80 %