Un operario falece en Outes tras caerlle enriba a máquina que arranxaba
Aconteceu nun serradoiro da parroquia de Entíns
O 112 Galicia ofreceu os recursos de atención psicolóxica especializada para a familia e os compañeiros de traballo
Arquivo
Un operario falece en Outes tras caerlle enriba a máquina que arranxaba nun serradoiro da parroquia de Entíns. Aconteceu minutos despois das dez desta mañá. O 112 recibiu un aviso a través do número único de emerxencias e puxo en marcha o seu operativo de asistencia e rescate.
Segundo o 112, a máquina que manipulaba o operario cedeu e caeulle enriba. Foi liberado de inmediato polos compañeiros, pero non puideron facer nada por salvarlle a vida.
Ata o lugar acudiron axentes da Policía Local de Outes, profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os membros do GES de Noia, os Bombeiros de Boiro e unha patrulla da Garda Civil.
Os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia ofreceron apoio psicolóxico aos familiares e compañeiros de traballo da vítima.