Os 120 quilómetros solidarios para loitar contra o cancro infantil e xuvenil
Rematou en Vigo o reto solidario "120 quilómetros de ilusión" que comezou este sábado en Ourense
Cada participante achega un euro por quilómetro para ASANOG e a Fundación Sant Joan de Deu
Familiares e amigos do pequeno Anxo, que hoxe está curado dunha leucemia diagnosticada hai cinco anos, celebraron esta fin de semana a súa andaina no "Reto Solidario 120 quilómetros de ilusión".
Foron 136 quilómetros desde o CHOU de Ourense ata o hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo a través de sendeiros de montaña. Este desafío de camiñar co fin de recadar fondos para a investigación do cancro infantil e xuvenil comeza a ser unha tradición. Esta é a terceira edición.
Cada quilómetro percorrido por un camiñante solidario achega un euro para a asociación sen ánimo de lucro ASANOG e tamén para a Fundación Sant Joan de Deu.
O reto creouno Antonio Figueroa, un pai que no ano 2020 tivo que afrontar o diagnóstico de leucemia do seu fillo de dous anos. Hoxe está curado pero esta familia non pode esquecer o vital que foi, literalmente, que o seu pequeno tivera opcións de tratamento nun hospital público e se salvara.
Agora traballa para os que están vivindo a situación que el viviu e para que, coma el, teñan un final feliz.