O cancro dos castiñeiros acaba con soutos enteiros en Vilar de Barrio
Os propietarios lamentan que, unha vez que a collen, a enfermidade é imparable
O cancro dos castiñeiros, coñecido polos veciños como chancro, é unha enfermidade que se manifestou en Galicia hai décadas e segue sen erradicar. Un fungo que acaba facendo secar as árbores e que, segundo os afectados, se transmite rapidamente dunhas a outras.
Tomás Fernández Gómez, propietario de castiñeiros afectados "Empezou no primeiro castiñeiro e cada ano foron secando algúns máis. Na primavera botan a folla e despois, cando chega o tempo da castaña, os ourizos quedan pegados e a folla vaise poñendo amarela. A partir de aí, nada".
Cando detectan os primeiros síntomas, xa non conseguen paralo.
José Correa, propietario de castiñeiros afectados: "Estes son enxertos novos que lle metín. De momento van pegando, pero aí arriba xa lle tiven que cortar e ao final hai que cortar todo. Andas loitando polas árbores e venche isto e acaba con todo, plantas e morren e non podes podar".
Aquí non hai grandes produtores, pero si familias que sacan un extra anual da colleita da castaña, en soutos herdados dos avós e outros repoboados que están comezando a abandonar.
"Sacabas tres, catro ou cinco mil euros, algúns máis... Podemos vivir sen iso, pero a ninguén nos estorba", sinala José Correa.
"Nos tempos difíciles das aldeas, as castañas solucionaron moitos problemas. Os castiñeiros que nos deixaron os antepasados gustaríanos que seguisen existindo e que os nosos fillos puidesen algún día coidar deles, pero a este paso non queda nada", engade Tomás Fernández.
Os castiñeiros centenarios tampouco se libran. En Rebordechao hai varios que o único verde que exhiben é o das hedras que colonizan as árbores secas.