Publicador de contidos

Publicador de contidos

Prohiben a cría de aves de curral ao aire libre en 40 concellos pola gripe aviaria

Prohiben a cría de aves de curral ao aire libre en 40 concellos pola gripe aviaria

O Ministerio de Agricultura acorda a medida ante o momento "máis perigoso" de extensión desta enfermidade e o aumento de casos

G24.gal 06/11/2025 14:30 Última actualización 06/11/2025 16:28

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) anunciou medidas restritivas na cría de aves que entrarán en vigor a partir deste próximo 10 de novembro ante o momento "máis perigoso" de extensión da gripe aviaria e o aumento de casos.

A medida máis destacada é a prohibición da cría de aves de curral ao aire libre naquelas áreas consideradas de especial risco ou de especial vixilancia.

No caso concreto de Galicia son en total 40 concellos, tras sumarse 29 de Zonas de especial vixilancia (ZEV) aos 11 de Zonas de especial risco (ZER) nos que a medida xa estaba vixente desde xaneiro.

Son ZER, os municipios de Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo, Vilanova de Arousa, Xove, Ordes, Cerceda, Tordoia.

E son ZEV Cariño, Dumbría, Mazaricos, Ortigueira, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Vimianzo, Zas, Ribadeo, Trabada, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos, Xinzo de Limia, A Guarda, Marín, Meis, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela, O Rosal, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa.

Excepcións con condicións

En ningún destes concellos se poderá criar aves de curral ao aire libre a partir do próximo luns. Cando iso non sexa posible as autoridades poderán autorizala mediante a colocación de teas paxareiras ou de dispositivos que impidan a entrada de aves silvestres.

Ademais tampouco se poderá criar patos e gansos con outras especies de aves de curral, darlles auga ás aves de curral de depósitos aos que poidan acceder as aves silvestres, nin se permitirá a presenza de aves de curral ou de calquera outro tipo en centros de concentración de animais como feiras ou exhibicións.

Chamamento á calma

O ministro de Agricultura, Luis Planas, fixo un chamamento á calma e á precaución. "Se adoptamos as medidas que temos que adoptar, podemos frear a expansión do mal que supón a gripe aviaria", asegurou. 

O ministro insistiu na necesidade de adoptar as medidas de bioseguridade e "telas moi presentes" en todo o referido á desinfección das instalacións e evitar o contacto con aves silvestres.

"O que facemos a partir do día 10 é reportar as condicións naquelas zonas que son particularmente vulnerables, ademais de lembrar a situación para o conxunto do país", detallou.

Ademais, a migración das aves silvestres prodúcese en datas distintas ás habituais como consecuencia do cambio de temperaturas e das condicións climáticas, segundo remarcou, algo que supón un "risco evidente" para as producións avícolas nacionais.

Para o ministro, trátase dunha situación sobre a que o Departamento xa avisara "desde hai tempo", advertencia á que se une a necesidade, reiterou, de manter as medidas de protección para evitar a extensión desta enfermidade.

De acordo á última actualización epidemiolóxica na Unión Europea (UE), España presenta 14 dos 139 focos de gripe aviaria de alta patoxenicidade en aves de curral, detectados na UE entre o 1 de xullo e o 5 de novembro de 2025.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade