Os bombeiros de Brión mobilízanse por un incendio en Santiago
No último mes desprazáronse a tres emerxencias na capital galega
En Santiago había catro bombeiros de servizo o mércores
No GES de Brión hai hoxe tres bombeiros de servizo, o mesmo número que había onte á tarde cando recibiron o aviso de que debía desprazarse a Santiago a dar apoio aos bombeiros da capital galega.
"Recibimos unha alerta do 112 solicitando a nosa colaboración no centro de Santiago. Saíron tres membros do GES para o punto, con dous vehículos", Xurxo Fernández, xefe de Servizo do GES de Brión.
"Nós saímos sempre que nos necesitan, ante unha emerxencia de grande magnitude como incendios forestais, pero nas últimas semanas aumentaron as saídas en que solicitan o seu apoio", engade Xurxo.
Os reforzos dos bombeiros de Brión en Santiago adoitan ser por incendios forestais ou emerxencias graves, pero nos últimos tempos o seu apoio foi requirido noutras situacións.
"Piden a nosa axuda porque do parque non cumpren os mínimos". "No último mes fomos tres veces", explica Xurxo Fernández.
A saída de onte foi debida a un incendio no primeiro andar deste edificio, situado no centro de Santiago con nove vivendas e baixos comerciais.
"Vin a Policía Nacional e a Local, e o que foi bastante vistoso é ver tres coches de bombeiros, o certo é que vin que xa finalizaran o traballo ou non había ningún risco", comenta un veciño.
Pese á alarma inicial, os danos foron mínimos. O lume prendera nunha cadeira e quedou sufocado en poucos minutos
"Cando chegamos xa nos indican que está controlado e non foi necesaria a nosa intervención", conclúe Xurxo Fernández.
Desde hai dez días, os bombeiros de Santiago decidiron non facer horas extras para cubrir vacantes, debido aos pagos pendentes por este concepto. O Concello agarda que a situación se arranxe tras a xuntanza que manterán mañá cos traballadores.
"Hai unha reunión, onde xa dixemos que temos vontade de chegar a acordos sobre as horas extras que se deben e tamén vontade de atender o resto de demandas que fai a Policía Local e os Bombeiros", di Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago.
Hoxe hai cinco bombeiros de servizo en Santiago.