Publicador de contidos

Publicador de contidos

11 anos e medio de cadea por intentar matar a súa parella na Coruña

11 anos e medio de cadea por intentar matar a súa parella na Coruña

A condena tamén lle prohibe achegarse á vítima ao fillo menor durante vinte anos e a privación da patria potestade do fillo menor e dous outros dous que teñen en común

Unha vez que cumpra 7 anos de prisión será expulsado de España e non poderá volver en 10

A sentenza non é firme

G24.gal 06/11/2025 15:15

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña condenou a 11 anos e medio de prisión a un home por tentar asasinar á súa parella no domicilio que compartían. O tribunal, que apreciou a agravante de parentesco, tamén lle impuxo o pago dunha indemnización á vítima de 41.836 euros, segundo recolle a sentenza do 31 de outubro que publicou este xoves o TSXG.

A Sala considera probado que, o 27 de novembro de 2023, o acusado apuñalou á vítima no abdome cun coitelo de cociña, "de forma totalmente inesperada e sorpresiva". A muller, segundo destacan os maxistrados, logrou sobrevivir grazas á rápida intervención médica. O tribunal entende acreditado o dolo homicida e a aleivosía, na súa modalidade de sorpresiva e convivencial.

Os xuíces explican que, ademais do "persistente relato" da vítima, contan con "abundantes e contundentes elementos corroboradores periféricos", tales como as declaracións dos veciños do inmoble e dos axentes policiais actuantes, así como o informe médico forense, o cal "evidencia claramente a existencia dunhas lesións inciso penetrantes absolutamente compatibles en canto á súa etioloxía coa declaración da denunciante". Descartan, polo tanto, que a vítima se autolesionase, como sostivo o procesado.

Ademais da pena de cárcere, os maxistrados impuxéronlle a prohibición de aproximarse e de comunicarse coa vítima e o seu fillo menor durante 20 anos, a privación da patria potestade respecto dos tres fillos comúns e a expulsión do territorio nacional unha vez cumpridos sete anos de condena, con prohibición de entrada en España durante 10 anos.

O tribunal absolveu o acusado dos delitos de malos tratos no ámbito da violencia de xénero, agresión sexual tentado e leve de inxurias, pois carece de proba suficiente. A sentenza non é firme, pois cabe recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade