Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ratifican o despedimento dun piloto de helicóptero do 061 en Ourense por "comportamentos perigosos" durante voos

Ratifican o despedimento dun piloto de helicóptero do 061 en Ourense por "comportamentos perigosos" durante voos

O TSXG considera que houbo "graves vulneracións da seguridade"

Helicóptero medicalizado do 061 Helicóptero medicalizado do 061
G24.gal 19/02/2026 16:54

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratifica o despedimento dun piloto de helicóptero do 061 en Ourense por "comportamentos perigosos" e "graves vulneracións da seguridade" en varios voos.

A defensa do piloto presentara un recurso de súplica contra a sentenza dun Tribunal de Ourense, na que o xuíz desestimaba a demanda por despedimento improcedente declarando este despedimento procedente e absolvendo á compañía.

A sentenza dicía que o despedimento do actor "debe ser declarado procedente dada a suma gravidade dos feitos imputados" tras "poñer en risco a vida dos ocupantes que ían no helicóptero", así como por "ocultar nos partes de traballo datos relevantes que levasen a empresa a coñecer os feitos sinalados".

Nesta liña, o TSXG confirmou que "ningún reproche pode facerse á sentenza", ao considerar que esta "se axusta a dereito", sendo "adecuada" a cualificación de procedencia do despedimento coas "consecuencias inherentes á mesma".

O despedido prestaba servizos como piloto para a empresa demandada desde o 16 de abril de 2019, na base do 061  no hospital Santo Cristo de Piñor, en Barbadás (Ourense).

O 15 de xaneiro de 2025 o sistema de seguridade da empresa recibiu unha denuncia grave sobre varios eventos "potencialmente perigosos para a seguridade" que ocorreron o 8, 9 e 10 de xaneiro de 2025, durante voos realizados polo recorrente.

A investigación verificou que as condutas que foran denunciadas eran dunha "gravidade extrema".

Entre os días 8, 9 e 10 de xaneiro, o despedido efectuou voos "con condicións meteorolóxicas adversas e asumindo un excesivo nivel de risco", chegando a realizar ata tres intentos para aterrar en varios casos, e "non considerando as valoracións do persoal médico sobre o perigo". Neste sentido, o actor "provocou momentos de tensión" e un estado de "incerteza, ansiedade e nerviosismo" aos pasaxeiros médicos, "ata o punto de pensar que o voo podería terminar nun accidente".

Así mesmo, durante os voos denunciouse "risco de colisión con obstáculos ou liñas eléctricas" e a recepción das comunicacións "foi entrecortada e en ocasións case inintelixible", chegando incluso a torre de control a manifestar que "onde cona estaban".

Nesta liña, a situación "xerou preocupación" en cabina ao non percibir "ningunha referencia ao terreo" e descoñecer as opcións existentes de non poder aterrar na base. Así, nun dos voos "non se identificou a presenza de gando no lugar de aterraxe", de tal forma que unha das pasaxeiras "quedou fronte a unha vaca, que parou a escasos metros dela".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade