O informe da Garda Civil sobre Adamuz apunta á rotura do carril ou a soldadura, pero non descarta a sabotaxe
O informe da Garda Civil sobre Adamuz apunta á rotura do carril ou a soldadura, pero non descarta a sabotaxe
Os investigadores pediron ao Adif todos os datos sobre os lotes de raís usados no tramo do sinistro e ao xulgado unha análise de catro mostras da soldadura
Tren descarrilado en Adamuz
Un informe inicial da Garda Civil apunta á rotura do carril da vía ou a un fallo da soldadura como principais hipóteses das causas do accidente ferroviario ocorrido o pasado 18 de xaneiro en Adamuz (Córdoba) que causou a morte de 46 persoas e deixou máis de 150 feridos.
Tal e como adiantou o diario dixital 'Cordópolis' e confirmaron a EFE fontes próximas á investigación, o informe entregouse no xulgado de Montoro (Córdoba) que investiga o suceso o pasado 5 de febreiro e é unha continuación do elaborado inicialmente e que se entregou na mesma sede xudicial o 22 de xaneiro.
Segundo as fontes, no informe expóñense as "hipóteses de traballo" dos axentes da Garda Civil e pídese levar a cabo as dilixencias pertinentes para confirmar ou descartar diferentes asuntos, e así poder avanzar na investigación.
O informe, segundo 'Cordópolis', concreta que o accidente se produciu exactamente á altura do quilómetro 318,693 da liña de alta velocidade Madrid-Sevilla no termo municipal de Adamuz entre as 19:43:37 e as 19:43:41 do 18 de xaneiro.
Ademais, indícase que o tren Iryo viaxaba en dirección Madrid cando descarrilou parcialmente e invadiu o sentido contrario cos seus coches traseiros, mentres que o outro tren sinistrado, o Alvia procedente de Madrid con destino Huelva, cruzou nese momento a unha velocidade exacta de 208 quilómetros por hora.
Aínda que no informe exponse que non se poden descartar as hipóteses sobre as causas do accidente, enumera que a primeira delas céntrase en "un problema nas infraestruturas ferroviarias" con tres derivadas, como poden ser "un carril ou raíl de fabricación defectuosa", "unha soldadura defectuosa" ou o "estado xeral do conxunto".
Por iso, os investigadores pediron ao Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) todos os datos que existan sobre os lotes de raís usados no tramo do sinistro, solicitouse ao xulgado unha análise de catro mostras da soldadura e tamén se están mirando as travesas, o balasto, o carril, os clips e máis soldaduras de todo o tramo que se renovou.
Perda dunha peza, "sabotaxe" ou actuación "terrorista"
A segunda das hipóteses está en que un tren anterior puidese perder unha peza que á súa vez danase a infraestrutura, polo que se pediron datos sobre o estado dos trens que circularon pola zona para ver se se perdeu algunha peza ou non.
Finamente, o informe apunta a outra hipótese que denomina de "outras causas" na que se alude a unha "sabotaxe" ou actuación "terrorista", a unha falta de prevención, a outra falta de mantemento ou o uso de materiais inadecuados na obra, polo que se pediu informes de laboratorio sobre se hai capacidade técnica para determinar "a presenza de trazas mecánicas" que indiquen o "uso dalgunha ferramenta para o corte" ou a presenza de "substancias explosivas ou corrosivas".