Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os reis presidirán o desfile do Día das Forzas Armadas o 30 de maio na praia de Samil

Os reis presidirán o desfile do Día das Forzas Armadas o 30 de maio na praia de Samil

Entre o 26 e o 31 haberá exhibicións, un encontro musical e outros eventos na cidade

Os actos dos días 29 e 30 de maio poderán verse en directo en G24.gal; entre eles, o desfile terrestre e aéreo coa exhibición de 46 avións, 25 helicópteros e a Formación Merlo, a unidade acrobática do Exército do Aire 

O lema das celebracións é: "Todos unidos defendemos España"

Exhibición aérea do Exército do Aire. Ministerio de Defensa.
G24.gal 14/04/2026 15:20

Exhibicións, unha revista naval, música e o tradicional desfile aéreo e terrestre, presidido polos reis, o sábado 30 de maio ás 12 na avenida de Samil con motivo da celebración do Día das Forzas Armadas, son algúns dos actos que acollerá Vigo entre o 26 e o 31.

O xefe do Estado Maior da Defensa (XEMAD), almirante xeral Teodoro Esteban López Calderón, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, explicaron con detalle o programa previsto para eses días nunha conferencia de prensa celebrada este martes. 

O XEMAD agradeceu a cooperación e disposición do Concello vigués para acoller estas celebracións, e valorou que "non houbese suxerencia ou aspecto que non se resolvese con carácter inmediato".

Obxectivo: dar a coñecer o traballo dos militares 

López Calderón asegurou que as actividades do Día das Forzas Armadas pretenden dar a coñecer á cidadanía o traballo dos militares, incluída a Garda Civil, dentro e fóra das fronteiras de España, "o seu labor permanente de vixilancia e protección do territorio, e dos espazos de soberanía e interese nacional, así como de defensa da paz e a liberdade".

O lema dos actos deste ano será: "Todos unidos defendemos España", explicou, e remarcou que ese lema cobra especial relevancia nun momento como o actual, no que as "situacións de confrontación no mundo" afectan tamén a vida cotiá dos cidadáns.

"Estamos no punto de mira dos nosos adversarios por formar parte do mundo occidental, por estar en organismos como a OTAN ou a UE, e por defender a democracia", proclamou o XEMAD.

Tamén tivo palabras para os máis de 4.000 membros das Forzas Armadas despregados por diferentes lugares do mundo en misións da OTAN ou noutras misións, para contribuír a preservar a seguridade internacional.

Pola súa banda, o alcalde, Abel Caballero, trasladou o seu "entusiasmo" porque Vigo acolla estes actos, co desfile do día 30 de maio como eixo central, e puxo en valor que toda a cidade será un lugar de celebración. Tras salientar que Vigo ten "unha longuísima tradición militar", aludindo á desaparecida ETEA, remarcou a importancia das Forzas Armadas non só como potencia militar, senón como "forza de paz". 

Programa de actividades 

Os actos con motivo do Día das Forzas Armadas comezarán o martes 26 de maio co izado da Bandeira en Montero Ríos e a inauguración dunha exposición estática de material, que poderá visitarse ata o 31 de maio.

O 27 de maio ás 19:15 horas realizarase unha exhibición de persoal e de material nas pistas de atletismo de Balaídos; e o 28 de maio ás 19:15 haberá un encontro musical coa participación de 7 unidades musicais das Forzas Armadas e unha banda municipal na Porta do Sol.

O venres 29 de maio, o rei Filipe VI presidirá ás 15:30 horas a Revista Naval na ría, en que participarán buques da Armada e da Garda Civil. Ás 17:15 horas, na praia de Samil, haberá unha exhibición de material e persoal, que incluirá unha exhibición ecuestre, un exercicio de asalto anfibio, exhibición de guías caninos, helicópteros, etc.

Desfile terrestre e aéreo na avenida de Samil 

O acto central celebrarase o sábado 30 de maio na avenida de Samil, desde as 12:00 horas. O evento, presidido polos reis, comezará coas honras, tras o que Filipe VI pasará revista. A continuación, farase o salto en paracaídas coa bandeira e o izado da mesma, así como a homenaxe aos militares falecidos.

Despois levarase a cabo o desfile aéreo, coa participación de 46 avións, entre eles cazas, avións de transporte, de vixilancia e rescate marítimo, e 25 helicópteros, e pecharase esta parte co desfile da Formación Merlo.

Logo chegará a quenda do desfile terrestre, coa participación de 100 vehículos e 32 motos, e o desfile a pé de Guardia Real, un batallón da Armada, un escuadrón do Exército do Aire, un batallón mixto Guardia Civil-UMe, dous batallóns do Exército de Terra, efectivos do Grupo de Regulares de Ceuta e da Lexión de Melilla. Pechando a marcha desfilarán a Batería Real e o Escuadrón de Cabalería da Garda Civil.

Entre o desfile terrestre e o aéreo participarán máis de 3.200 persoas; na Revista Naval e exhibición do día anterior participará uns 1.395 efectivos, e no encontro de unidades musicais haberá case 300 participantes.

Ademais destas actividades en Vigo, Galicia acollerá outra trintena de actos con motivo do Día das Forzas Armadas, e as celebracións estenderanse por toda a xeografía española, así como por outros países onde hai despregados militares españois.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade