Medio cento de persoas sacan a calceta ao aire libre na contorna de Samil
Agullas, las e fíos son os protagonistas dun encontro á beira do mar
Este sábado celébrase o Día Mundial de Tecer en Público
Este sábado celébrase o Día Mundial de Tecer en Público. Moitas persoas pasan horas entre fíos, las e agullas. Para a maioría é algo máis ca un pasatempo, é unha paixón e unha terapia que comparten.
Case medio cento de persoas afeccionadas reuníronse ao aire libre xunto a Samil, co son e as vistas do mar.
"Que a xente se anime máis a facer labores, algo manual, artesanal, é unha maneira de facer terapia, libérate do estrés", di Puri Pazos, organizadora da actividade do día Mundial Tecer en Público en Vigo.
Este é un día que se celebra o segundo sábado do mes de xuño e que supón a escusa perfecta para organizar eventos, coma este, que xiren arredor de tecer.
"Estou facendo un cadrado para facer unhas mantas para Perú, para colaborar. Pasar o tempo e pasalo ben"
"Moi ben, encántame, e ademais tecer para facer algo para regalar paréceme fantástico"
"É a primeira vez que veño e estame gustando moito", comentan algunhas das participantes.
Este encontro non conta evidentemente con restricións de idade. Hai desde persoas que superan os 90 anos, hai cativada e mocidade.
"A miña sogra ensinoume a facer calceta e ganchillo e agora é a miña afección favorita"
"Se me sacan a calceta sácanme todo. o ganchillo xa non o podo facer"
"Psicoloxicamente é marabilloso", destacan outras participantes.
Crean pezas únicas, algunhas destinadas a asociacións benéficas.