Empeza a notarse a calor
O primeiro episodio de calor deste ano xa empeza a sentirse en Galicia, sobre todo canto máis ao sur
En Ourense os termómetros superan xa os 30 graos, o venres chegarán aos 36
"Xa había ganas de bo tempo, si".
"Home, non unha burrada, pero que veña a calor é bo", comentaban esta mañá en Ourense.
A calor chega antes do habitual, e despois de tanta auga son moitos os que o agradecen. Na última semana do mes de maio toda a península estará baixo a influencia do primeiro episodio cálido do ano, e Galicia tampouco se libra.
"E témonos que preparar, dende logo, tomar medidas. Beber moita auga, pechar as portas e as fiestras e non saír ás horas puntas claro".
A culpable, unha masa de aire cálido procedente do norte de África que vén acompañando o anticiclón. A provincia de Ourense, sobre todo a cidade, a zona do Ribeiro e moitos puntos das Rías Baixas son os que recibirán as temperaturas máis altas.
"Non é estraño, en Ourense pasa todos os anos, así que".
"Camiseta de tirantes, polo menos".
"Aquí non pasamos de trinta case, neste tempo, neste tempo".
Pois de 30 xa pasan hoxe na Cidade das Burgas. O peor virá o mércores con 34, o xoves con 35 e o venres, co mercurio xa en 36. Soben as máximas e descenden as mínimas, un refresco que os peregrinos agradecen.
"Por sorte saímos cedo, como ás seis da mañá así que xa fixemos os trinta quilómetros de hoxe e cortamos antes da hora pico do sol".
"Comparado con onte a estas horas e aquí baixo o sol, nótase que subiu a temperatura".
"Si sente que vai moita calor", apuntaban uns peregrinos.
Eles chegaban a Arzúa, que marca unha liña divisoria en Galicia. De aí para o norte, as temperaturas non serán tan altas. As máximas poderán chegar aos 24 graos.