Chegan as primeiras noites tropicais do ano ás Rías Baixas
As temperaturas están por riba do habitual e os termómetros superan os 20 ºC polas noites
Hai aviso amarelo na provincia de Pontevedra por choivas e tormentas esta fin de semana
Bochorno e temperaturas altas aínda que o sol, á mañá, non se deixa ver. Así que o mellor para un sábado de maio, un sábado despois dun arranque de mes chuvioso, é un baño ou un paseo.
Esta fin de semana as temperaturas están por riba do habitual en todo o litoral sur de Galicia. Algúns puntos das Rías Baixas alcanzaron os 30 graos e polas noites os termómetros non baixaron moito.
Samil, a praia urbana de Vigo por excelencia comeza a cheirar a fin de primaveira. A noite que pasou, 20 graos marcou o termómetro de madrugada, foi a primeira tropical deste 2026.
A noite do sábado ao domingo será de novo tropical e, dende as 21:00 horas ata as 6:00 da madrugada, a AEMET establece un aviso amarelo por choiva e tormentas na provincia de Pontevedra.