Absolven o profesor dun colexio de Santiago acusado por unha nai de abusar sexualmente dun rapaz
Non hai relato por parte do menor
O tribunal non considera acreditado que “o acusado durante eses dous cursos, e con ánimo libidinoso, tocase o neno”
A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, absolveu un profesor acusado dun delito contra a liberdade sexual dun alumno menor de idade.
O tribunal conclúe que a proba practicada é insuficiente para desvirtuar a presunción de inocencia debido á “falta dun relato do menor” e “á posibilidade de que os síntomas do neno puidesen ter outras explicacións”.
Na resolución, os maxistrados non consideran acreditado que “o acusado durante eses dous cursos, e con ánimo libidinoso, tocase o neno”, e apuntan que coinciden coa defensa que expuxo que "nin o horario, nin a localización dos aseos e o deseño destes, posibilitaba crear unha oportunidade para o acusado”.
Ademais, consonte ás afirmacións periciais, “non hai un relato, non hai opcións expostas, non hai alternativas posibles baralladas”. Entenden tamén que “si existe unha explicación plausible alternativa, natural e física, exposta por todos os médicos intervenintes, que é a que ha de prevalecer”.
Na sentenza, a Sala lembra que “corresponde a achega das probas á parte que sosteña ou manteña a acusación, pois é esta a obrigada a lograr o convencemento do tribunal sobre a existencia dos feitos axuizados e a súa atribución ao acusado, sen que sexa lícito investir a carga ou peso da proba e pretender que sexa o acusado quen mostre a súa inocencia”.
A sentenza non é firme, pois é recorrible ante o TSXG.