Acepta cinco anos de cadea por intentar matar o seu compañeiro de piso en Santa Comba
A Fiscalía solicita que sexa expulsado de territorio español
Este luns a Audiencia Provincial da Coruña acolleu o xuízo do home acusado por intentar matar o seu compañeiro de piso en Santa Comba, ao que lle asestou tres puñaladas. O acusado, Heriberto Espinel, declarouse culpable, aceptou as peticións de fiscalía despois de modificalas e pediu unha pena de prisión de cinco anos e un día.
Os feitos ocorreron en xullo de 2024, cando tras unha discusión na vivenda compartida o procesado, con ánimo de matar o seu compañeiro, cravoulle un coitelo nas costas en tres ocasións.
Despois de que a vítima caera ao chan, o procesado púxose sobre el e intentou acoitelalo de novo, pero impediusello unha testemuña, que suxeitou a arma branca ata que chegou o persoal de emerxencias.
Non obstante, a Fiscalía solicita que sexa expulsado de territorio español durante 10 anos unha vez o acusado solicite o terceiro grado. A defensa, pola súa banda, revogou esta petición e solicitou que o acusado cumpra o que lle quede de pena en España.
Na sentenza, a maxistrada deixou ese extremo para cando se execute a sentenza, tendo a defensa un mes para acreditar o arraigamento do acusado co territorio español. Ademais da condena de cárcere, prohíbenlle aproximarse á vítima, ao seu domilicio e lugar de traballo, a unha distancia non inferior a 500 metros, así como comunicarse con el por ningún medio durante seis anos.
Ademais, o tribunal condénao tamén a facerse cargo das costas do xuízo e, en canto á responsabilidade civil, impóñenlle o pago dunha indemnización á vítima de 2.641 euros por lesións e outros 1.277 euros polas secuelas.