Publicador de contidos

Publicador de contidos

Bombeiros de Santiago denuncian que o parque volveu estar baixo mínimos este mércores

Bombeiros de Santiago denuncian que o parque volveu estar baixo mínimos este mércores

Goretti explicou que se está traballando para tramitar todo o expediente e poder pagar as horas extraordinarias

Este venres hai unha reunión cos sindicatos CCOO, UXT e CIG para negociar a situación dos bombeiros e policías municipais

Desde a oposición consideran inaceptable que o servizo volva estar baixo mínimos

G24.gal 05/11/2025 19:29 Última actualización 05/11/2025 19:44

Os bombeiros de Santiago denunciaron que este mércores o parque volveu contar só con catro efectivos durante 24 horas, quedando baleiro en dúas ocasións nas que tiveron que realizar actuacións. A primeira intervención produciuse arredor da media mañá, por mor dun vehículo que ardía na AP-9. Neste caso, explican, non necesitaron pedir reforzos para realizar a extinción e o parque quedou baleiro.

Posteriormente, un particular alertou o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia do lume no interior dun cuarto dun inmoble da rúa Carreira do Conde. Os bombeiros trasladáronse mobilizando dous camións con catro efectivos e solicitaron apoio ao GES de Brión, que mobilizou outros dous vehículos con tres efectivos. Durante a intervención, afirman, o parque atopábase baleiro.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, preguntada polos medios de comunicación nun acto este mércores, reiterou a súa "preocupación" ante esta situación, afirmando que se está traballando "de maneira intensa" para acabar de tramitar todo o expediente para poder pagar as horas extraordinarias.

Ademais, lembrou que esta prevista para este venres unha reunión de traballo cos sindicatos CCOO, UXT e CIG para negociar a situación dos bombeiros e policías municipais.

"Nós entendemos as demandas que se poñen nestes momentos sobre a mesa por parte do colectivo e traballamos en ver como podemos chegar a un acordo para solucionalas. Esperemos que se sexa máis pronto que tarde, desde logo temos toda a urxencia e toda a vontade de chegar a acordos", subliñou Goretti.

Así mesmo, apuntou á celebración dun pleno extraordinario cando se acabe de tramitar o expediente.

Neste contexto, o concelleiro popular, José Ramón de la Fuente, esixiu á alcaldesa que "asuma persoalmente" a xestión do parque de bombeiros ante a "situación de crise" que atravesa.

"É inaceptable que o servizo estea de novo inoperativo e que levemos varios días sen que funcionen adecuadamente os distintos operativos de emerxencia por carecer do persoal necesario", remarcou o concelleiro do PP.

De la Fuente lembrou que o Plan de emerxencias municipal establece en 12 os efectivos necesarios para atender as emerxencias, mentres que en Santiago "están a configurarse con tres efectivos, o que supón, que ante calquera incidencia será imprescindible solicitar o auxilio de bombeiros doutros municipios". 

A maiores, engadiu que a Policía local "está en mínimos", xa que nalgunha xornada "só contou cun único efectivo da unidade operativa para patrullar a cidade" e incluso "estivo sen a unidade de atestados varias noites".

O popular remarcou que o BNG "non ten capacidade para xestionar a cidade" porque "a pesar de coñecer desde hai tempo os problemas da falta de efectivos de bombeiros non é capaz de activar a súa comarcalización".

Pola súa banda, a concelleira socialista Marta Abal, reclamou ao Goberno local que "se poña a traballar" para resolver o conflito e advertiu que a situación actual "é consecuencia directa do deixamento de funcións do executivo municipal". Para a socialista, o conflito é "perfectamente solucionable" porque "existe xurisprudencia que apoia calquera medida legal".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade