Publicador de contidos

Publicador de contidos

A vertedura do porto de Vigo chega tamén ás praias de Nerga, Viñó e Barra

A vertedura do porto de Vigo chega tamén ás praias de Nerga, Viñó e Barra

Debido ao temporal, probablemente estas galletas foron arrastradas a terra polas mareas vivas e o mar de fondo que hai na zona

A Xunta retirou xa das praias 94 metros cúbicos de residuos da vertedura

G24.gal 05/11/2025 19:32

A Xunta retirou 94 metros cúbicos de residuos nas praias que se viron afectadas pola vertedura de aceite de palma que se produciu a semana pasada no porto de Vigo pola implosión dun silo na terminal de Guixar.

Aínda que a vertedura afectou inicialmente só ao areal de Borna, en Moaña, moi próxima ao estaleiro Rodman, nas últimas horas tamén se constatou a presenza de galletas de diferentes tamaños deste material -solidificado- nas praias de Nerga, Viñó e Barra, as tres localizadas no Morrazo, segundo explica a Consellería de Medio Ambiente.

Nun comunicado, este departamento da Xunta apunta que, debido ao temporal que afecta estes días a Galicia, probablemente estas galletas foron arrastradas a terra polas mareas vivas e o mar de fondo que hai na zona, pero en ningunha das praias inspeccionadas se detectaron nunha cantidade "alarmante".

Medio Ambiente manterá o seguimento da vertedura desde terra nas próximas horas e o dispositivo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, tamén se mantén activo na zona con traballos de vixilancia terrestre unha vez que a vertedura foi eliminada do mar.

A Xunta lembra as obrigacións que teñen os concellos nos seus respectivos termos municipais en relación á recollida do material vertido unha vez que chega a terra.

A Administración autonómica sostén que traballou desde o primeiro momento de forma "rápida e coordinada" para facer fronte aos efectos da vertedura en terra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos