A implosión dun silo en Guixar deixa un ferido grave e unha vertedura de aceite á ría
A Xunta activa o Plan Camgal no seu nivel de emerxencia 1
Unha densa mancha amarelada avanza pola ría de Vigo a causa dunha vertedura producida esta tarde no porto da cidade tras a implosión dun silo.
O sinistro provocou feridas graves a unha persoa evacuada ao hospital.
A vertedura produciuse no peirao de Guixar e, segundo fontes portuarias, trátase de aceite de palma, unha substancia empregada como aditivo para alimentos.
A Xunta activa o Plan Camgal
A Xunta de Galicia activou o Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal) no seu nivel de emerxencia 1.
No lugar dos feitos continúan traballando os medios materiais e humanos despregados polo Servizo de Gardacostas de Galicia e da Autoridade Portuaria viguesa para recoller a vertedura derramado na auga.
O dispositivo mobilizado polo Servizo dependente da Consellería do Mar é o seguinte: buques multipropósito Valentín Paz Andrade e Irmáns García Nodal, desprazados desde o porto de Vilagarcía, e o Ría de Vigo desde o peirao de Marín; unha embarcación auxiliar; e os efectivos con base operativa en Vigo, ademais dos servizos centrais de Gardacostas.
Pola súa banda, a Autoridade Portuaria de Vigo mobilizou efectivos de Seguridade e Sostibilidade, que despregaron barreiras que están contendo a vertedura dende un primeiro momento, ademais da Policía Portuaria.
En canto aos medios marítimos, despregouse a embarcación Pelícano, de limpeza da lámina de auga, e a de Segem, de loita contra a contaminación.
Ademais, tanto Sasemar como a empresa de buzos Northcomdiving tamén desprazaron os seus medios marítimos e humanos.
Desde a Administración autonómica, xunto ca Autoridade Portuaria de Vigo, e segundo a información dos técnicos, infórmase que a vertedura non é tóxica para a poboación nin para o medio mariño, xa que se trata dunha mancha sólida provocada por un produto empregado para a alimentación de gando e aves e, polo tanto, non é contaminante.
Os medios técnicos e humanos seguirán a desenvolver o seu traballo ó longo das próximas horas co fin de recoller a fuga, motivada pola implosión dun silo durante os traballos de descarga, que xa deixou de verter.