A cinza dos incendios ameaza con colapsar as traídas de auga en Valdeorras
O alcalde de Vilamartín de Valdeorras dá por feito que quedarán sen auga potable entre hoxe e mañá
No concello da Rúa xa levan días con cortes constantes
A Xunta comprométese a que as novas liñas de axuda prioricen solucións os problemas estruturais dos concellos
O río Leira baixa negro en Vilamartín de Valdeorras. Vai cargado da cinza dos incendios do verán e está a piques de desbordarse. Esa cinza convertida en lodo está a colapsar as canalizacións da auga.
O alcalde dá por feito que a rede municipal colapsará nas vindeiras horas pola constante chuvia. Enrique Alvárez avisa que non poderán utilizar a auga. E, de momento, non atopan solucións. Di que "tratamos de metela pola depuradora pero non dá xestionado esa cantidade de auga turbia".
No veciño concello da Rúa, os cortes son habituais. O Concello reparte garrafas entre os veciños, pero non é dabondo. Os alcaldes piden axuda para sufragar gastos, pero tamén máis coordinación entre as distintas administracións. Demandas que lles trasladaron en persoa a tres conselleiros da Xunta.
O titular de Presidencia, Diego Calvo, avanza que "nas liñas de axuda do vindeiro imos priorizar as actuacións necesarias para solucionar problemas estruturais dos concellos".
Amais o Goberno autonómico vai impulsar unha próxima xuntanza a tres bandas onde amais dos concellos tamén estea representada a Confederación Hidrográfica Miño-Sil para mellorar esa coordinación.
Goberno, Xunta e Confederación Hidrográfica Miño-Sil levan semanas mobilizando brigadas e repartindo palla para evitar arrastres, pero de momento non foi suficiente para evitar que cinza e lodo non chegarán aos ríos.