Xinzo decreta por primeira vez o plan de inundacións
O rebordamento de dous afluentes do Limia obriga a cortar pistas e estradas
A auga asolaga o exterior de centros educativos e inutiliza aulas no IES Lagoa de Antela
A auga cobre os patios, aparcadoiros e outras zonas exteriores dos dous centros de ensino secundario de Xinzo de Limia.
E no IES Lagoa de Antela entrou no interior e inhabilitou varias aulas da planta baixa.
Ante a alarma xerada por esta circunstancia a directora, Ana Martínez pídelle tranquilidade aos pais. Asegura que serán os primeiros en saber se se suspenden as clases de ocorrer calquera incidencia.
Porque a situación é critica en moitos puntos do concello. Hai unha chea de pistas e estradas cortadas polos desbordamentos do río Nocelo e Faramontaos, afluentes do río Limia que está no límite laranxa.
Veciños que levan maís de medio século din que non acordan tal cantidade de auga. E mostran a súa preocupación polo que poida pasar se segue chovendo cos habitantes e os animais das casas que xa están rodeadas pola auga en varias aldeas.
O Concello de Xinzo decretou por primeira vez o plan de inundacións para coordinar a resposta de todas as administracións ante esta situación que consideran de emerxencia.
O alcalde, Amador Díaz, fai un chamamento á cidadanía para que non utlice ningún dos viais afectados, que use vías alternativas e intente desprazarse o menos posible.
O exceso de chuvia xa botou a perder moitos cultivos na Limia e a terra xa non absorve máis auga.