O Sergas fará un cribado de VIH nos tramos de idade con máis incidencia
O obxectivo é dobre: reducir anualmente a súa incidencia nun 5% e erradicalo como problema da saúde pública en 2030
Europa Press
O Sergas realizará o primeiro cribado oportunidade de VIH nos tramos de idade de maior incidencia, tanto en Atención Primaria como en hospitalaria, co dobre obxectivo de reducir anualmente a súa incidencia nun 5% e erradicalo como problema da saúde pública en 2030.
Este é un dos puntos que inclúe o Plan galego de infección de transmisión sexual da Xunta (Plan Sexsan) e no que este mércores incidiu o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, na inauguración da xornada 'Retos en VIH: buscando solucións aos novos desafíos'.
Segundo recolle a consellería, os últimos datos mostran unha tendencia descendente do VIH, cunha media en Galicia de 5,1 casos por cada 100.000 habitantes, por baixo do conxunto do Estado (7 por cada 100.000). En relación aos tratamentos, Sanidade situou en máis de 6.400 as persoas que están diagnosticadas con VIH e toman un tratamento antirretroviral. A este conxunto suma outras 1.100 ás que se lles prescribiu tratamento antirretroviral preventivo
Pola súa banda, a directora científica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, Eva Poveda, tamén presente no acto, remarcou a necesidade de acurtar a distancia entre a evidencia científica e o seu impacto real, o que requiere dunha abordaxe multidisciplinar.
Desta forma, situou o encontro celebrado este mércores como un espazo de "actualización e debate" para compartir novidades en prevención, biomarcadores, comorbilidades e saúde mental e identificar prioridades que contribúan a mellorar a saúde e a calidade de vida das persoas que viven con VIH.