As chuvias deixan toneladas de berberechos mortos en Noia
Os temporais provocan unha situación crítica nos bancos marisqueiros de toda Galicia.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, reuniuse cos presidentes das confrarias.
Os temporais de choiva intensa que azoutaron Galicia nos últimos meses están afectando negativamente os bancos marisqueiros. Na praia do Testal, en Noia, a marea baixa deixou un manto de bivalvos sen vida e os datos apuntan a unha mortaldade do 30 %. "Levo 30 anos traballando como mariscador e nunca vira tanto marisco morto nos areais", declarou o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Muros-Noia (Plademar), Rogelio Santos, que avisou de que a cantidade pode ser mesmo maior polo efecto de arrastre das correntes cara a fóra da ría.
As rías de Arousa e Pontevedra, tamén moi afectadas
As rías de Arousa e Pontevedra, tamén das máis prexudicadas. A ría de Muros-Noia non é a única afectada e a situación é crítica para todo o marisqueo galego, segundo sinalou o presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez, quen lembrou que o sector aínda non se recuperou do sufrido nos últimos anos. En 2023, houbo un episodio de mortaldade masiva que nalgunhas especies superou o 90 %. Pérez anticipou que as rías de Pontevedra e Arousa poden ser das máis prexudicadas polas choivas deste ano debido á cantidade de ríos que baixan cara a elas con auga doce. Na de Pontevedra, as confrarías acordaron esta semana non traballar para evitar unha mortaldade masiva da ameixa, xa que se atopa debilitada pola baixa salinidade e se se traballan os bancos se corre o risco de que as ondas arrastren o bivalvo. A mesma decisión tomaron no norte de Arousa.
A Xunta reúnese coas confrarías
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, reuniuse este mércores cos presidentes da Federación Galega de Confrarías e das federacións provinciais para facer seguimento do estado dos bancos. Villaverde sinalou que os técnicos da consellería están a realizar un control continuo dos principais parámetros ambientais que poden afectar o recurso. O presidente de Plademar asegura que as choivas non se poden controlar, pero si outros factores que manteñan o marisco forte e en condicións axeitadas para resistir mellor os temporais. Rogelio Santos pide máis medios e financiamento para que as confrarías poidan desempeñar o seu labor de analizar o estado dos bancos, así como vixiar o turismo e manter a calidade das augas. No caso de Noia, é "fundamental" ter unha depuradora adecuada, declarou.