Publicador de contidos

Publicador de contidos

A choiva causa un grave desprendemento na torre de Torés, nas Nogais

A choiva causa un grave desprendemento na torre de Torés, nas Nogais

É o maior deprendemento de pezas que se produce nunha década nesta edificación medieval

G24.gal 04/02/2026 19:14 Última actualización 05/02/2026 14:38

Tanta borrasca seguida afecta xa a case todo. Mar revolto, asolagamentos, fochas nacendo por toda a rede viaria e tamén no patrimonio. Unha das edificacións máis emblemáticas do medievo galego, a torre de Torés, nas Nogais, sufriu o maior derrubamento en anos en parte da súa estrutura.

A torre de Torés formou parte dun castelo do século XIV. Hai moito que perdeu o seu esplendor e vai resistindo en pé como pode. Nos últimos anos, de cando en vez, foi perdendo algunha peza, pero a sucesión de borrascas deste inverno púxollo moi difícil e acaba de sufrir o derrubamento máis importante nunha década.

Desde a asociación Patrimonio dos Ancares alertaron do risco que supón a situación para os curiosos que se acheguen á zona, dado que poderían producirse novos desprendementos.

Este colectivo, xunto coa Asociación Val de Torés, levan tempo "advertindo do pésimo estado" desta construción, declarada Ben de Interese Cultural (BIC), así como dos desprendementos que xa se rexistraron en anteriores ocasións.

"Debido á choiva, o que denunciamos reiteradamente, sucedeu", apunta o colectivo.

A asociación di que avisaron telefonicamente o alcalde para solicitarlle que se protexa a zona, así como a Patrimonio "para que teña coñecemento da situación".

"A auga, tal como está o edificio, vaise metendo e iso vai abrindo". "Caeu unha parte importante e se segue así o tempo caerá bastante máis", comentan veciños das Nogais.

Afortunadamente as pedras caeron sobre un prado e ninguén quedou ferido. Nin entre os veciños nin entre os turistas que se achegan a ver o monumento.

"Aquí vén moita xente. Estou por dicir que todos os días vén alguén velo. O día da neve estiveron un montón de pequenos aquí xustamente por onde caeron as pedras. Puido matar cinco ou seis pequenos tranquilamente".

Consultadas sobre esta cuestión, fontes da Consellería de Cultura indicaron que, polo momento, "non se recibiu" na Dirección Xeral "ningunha comunicación oficial sobre este asunto".

A fortaleza medieval, que data do século XVI, é propiedade da Casa de Medinaceli, que a cedeu no ano 2013 ao Concello por un período de 25 anos para a súa posta en valor, pero as entidades apuntan a que non se levaron a cabo accións para evitar a súa deterioración. Os veciños piden ás administracións que consoliden a estrutura.

"Caeu un cacho bo e como non miren por ela. Ben se ve que está desfacéndose toda. O que caeu non se vai levantar pero que miren polo que queda en pé". "Se non se fai nada quedaremos sen identificación da nosa vila. É un reclamo turístico e dende calquera parte que mires o primeiro que ves é a torre".

Non é o único estrago que está a orixinar o exceso de auga. Un corremento de terras obrigou esta mañá a cortar o tráfico no quilómetro 12 da estrada provincial que comunica Santo Estevo con Pantón e varias estradas provinciais están cortadas por asolagamentos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar