Susto en Vigo ao caer a carga dun guindastre de obra nunha beirarrúa
Malia ser unha zona transitada, non houbo feridos
Os bombeiros traballaron para asegurar a zona
Un guindastre que traballaba nunha obra no centro de Vigo derrubouse sobre a beirarrúa cargada con varias vigas de ferro. Malia ser unha zona moi transitada, na rúa Policarpo Sanz, a sorte fixo que non pasase ninguén nese momento e non houbo feridos, pero si importantes danos materiais.
Os bombeiros de Vigo traballaron en asegurar a cornixa máis danada e garantir a seguridade na zona. Con todo agardan que sexan os enxeñeiros e arquitecto municipal os que determinen se se pode abrir a zona ao paso de peóns.
Xerardo Fernández, xefe de parque dos Bombeiros de Vigo, explicaba no lugar que o guindastre "levaba uns 2.000 quilos (de carga). Elevounos á cuberta, rompeu a parte final do guindastre e o camión envorcou ata que as vigas tocaron contra a marquesiña dun edificio".
Nun primeiro momento o seu traballo centrouse en retirar "todos os elementos que teñen perigo inminente de caída na beirarrúa e despois vaise balizar" ata que analicen a estrutura.