Publicador de contidos

Publicador de contidos

A auga das Burgas, boa contra a acne

A auga das Burgas, boa contra a acne

Así o revela un estudio realizado por unha estudante de enfermería de último ano 

O tratamento consistiu en 14 lavados tópicos con estas augas termais ao longo dun mes 

Os resultados foron sorprendentes nos 30 pacientes que participaron na investigación
G24.gal 03/07/2025 21:21 Última actualización 03/07/2025 22:52

A investigación foi levada a cabo por Nerea Dorado e estivo titorizada pola catedrática Reyes Pérez. O lugar elixido para desenvolver o seu estudo foi aquí, nas Burgas de Ourense. Unhas trinta persoas, de 18 a 25 anos, sometéronse a un tratamento sinxelo e natural. O único requisito, ter acne común. Nerea Dorado é a titular deste traballo de fin de grao.

"Aplicar eses catorce lavados tópicos ao longo dun mes de maneira seguida ou alterna. Tiñan que vir aquí á fonte termal das Burgas, recoller a auga nun recipiente de cristal, esperar a que arrefriara e poñela na cara".

"Realmente sorprendeunos porque o efecto foi moi grande. Houbo rapaces aos que lles desapareceu a acne".

Reyes Pérez leva anos traballando para o departamento de Investigación e Termalismo de Ourense. Xa coñecen os beneficios terapéuticos que estas augas, as das piscinas termais das Burgas, tiveron en enfermos de fibromialxia ao longo de case un ano, evitando tratamentos e mellorando cualitativamente a súa calidade de vida.

Respecto a estes pacientes con acne, elixidos para este outro estudo, os resultados revelan que estas augas termais lles axudaron a rexenerar, cicatrizar e desinflamar a pel afectada grazas á súa microbiota. Reyes Pérez explícanos as súas propiedades.

"Esa auga, grazas a eses microorganismos, son capaces de facer estes cambios tan impresionantes por exemplo a nivel da pel".

"Houbo xente que antes non era capaz de saír á rúa nin cunha gota de maquillaxe, e agora grazas a isto a súa calidade de vida mellorou", segundo Nerea Dorado.

Para o departamento de Investigación e Termalismo de Enfermería de Ourense, este estudo non remata aquí. Haberá máis ensaios clínicos para saber canto pode durar o seu efecto. O obxectivo é o de ofertar unha opción sostible, natural e accesible ao alcance de todo o mundo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade