Reabren as termas da Chavasqueira seis anos e medio despois de sufriren un incendio
O xuízo dos dous investigados polo incendio será o 15 e o 16 deste mes
As termas manteñen a estética xaponesa e prezos similares, algo máis de 5 euros

Este luns reabren as termas de pago da Chavasqueira, seis anos e medio despois de que o lume arrasara coas instalacións nun incendio que sorprendeu a veciñanza de Ourense pola súa virulencia. O público poderá facer uso delas a partir do martes ás 9 da mañá.
As termas manteñen a estética xaponesa que tiñan as primeiras instalacións, pero agora estarán alimentadas por xeotermia e enerxía fotovoltaica, e ofrecerán a maiores tratamentos estéticos e de relaxación.
Os prezos mantéñense similares aos do pasado, pouco máis de cinco euros.
Así foi o incendio que devastou as instalacións
Foi na madrugada do 24 de abril de 2019 cando o lume devastaba, en pouco tempo, as termas da Chavasqueira. Unha explosión alertou os veciños e cando chegaron os bombeiros conseguiron rescatar un operario que estaba facendo labores de mantemento no interior. A estrutura de madeira quedaba calcinada polas lapas.
"Era impresionante a carga de fogo que había, eran as termas nunha bóla de lume. O único que nos dixo o vixilante foi que vira o lume, que saltaran os automáticos e xa era toda unha bóla".
"Encontramos o traballador ao pé da porta, que non podía saír. Tivemos que rebentar a porta para podelo retiralo a el de alí", aseguraban os bombeiros aquela noite.
Xa case pasara ano e medio do incendio cando a investigación da policía científica concluía que o lume fora provocado, e que presuntamente os responsables empregaran un líquido acelerante. É aí cando deteñen dous sospeitosos, un deles extraballador do negocio que fora despedido e outro colaborador, que son investigados por un delito de incendio con perigo para a vida ou a integridade física das persoas. Precisamente, despois dunha longa instrución, o xuízo está fixado para os días 15 e 16 deste mes. A fiscalía e a defensa solicitan a absolución por falta de probas mentres que o Concello de Ourense pide dez anos de cárcere para os investigados.