Publicador de contidos

Publicador de contidos

A depuradora de Silvouta normaliza o seu funcionamento tras os primeiros incidentes causados polos sedimentos acumulados

A depuradora de Silvouta normaliza o seu funcionamento tras os primeiros incidentes causados polos sedimentos acumulados

A EDAR de Santiago entra en servizo coa primeira fase das obras, que estarán rematadas en agosto de 2026

A actuación conta cun investimento de 60 millóns de euros, cofinanciado nun 80 % con fondos Next Generation

Vertedura no río Sar ao seu paso por Bertamiráns Vertedura no río Sar ao seu paso por Bertamiráns
G24.gal 20/10/2025 19:17

A presidenta de ACUAES, María Rosa Cobo; a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e o xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, visitaron este luns a depuradora de Silvouta tras a reunión da comisión de seguimento do convenio asinado en 2021.

Segundo explicaron, a instalación normalizou o seu funcionamento despois dos primeiros axustes e incidencias provocadas polos sedimentos acumulados durante anos nos colectores existentes. Estes restos causaran unha carga imprevista nos primeiros días de arranque, agravada pola situación de seca extrema, que dificultou a dilución da vertedura en condicións normais de caudal.

Obras por fases e obxectivos ambientais

As obras da nova estación depuradora de augas residuais, en funcionamento desde o 8 de outubro, supoñen unha infraestrutura estratéxica para o saneamento de Santiago e a contorna do río Sar. Unha vez rematadas, permitirán ao Concello garantir o tratamento axeitado das augas residuais.

A EDAR prestará servizo a unha poboación equivalente de 205.000 habitantes actuais e 277.000 futuros. As actuacións desenvólvense por fases para manter en todo momento os actuais niveis de vertedura ao río Sar.

Na Fase I construíronse o edificio de pretratamento e desareado, o recinto de decantación primaria, dous espesadores de gravidade e o edificio de tamizado ultrafino. Antes de final de ano remataranse a cuberta e a carpintería metálica.

Tamén se iniciaron os alicerces do edificio de control, a execución de galerías e o adiantamento do recinto de membranas, previsto inicialmente para a seguinte fase.

A partir de agora comeza a Fase II, que contempla a demolición dunha parte da antiga depuradora, espazo que acollerá o reactor biolóxico, o edificio de lamas e os dixestores. O obxectivo é que en agosto de 2026 esta fase estea operativa e se poida iniciar a demolición do resto da planta actual, cun período de posta en marcha de seis meses.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade