Ames denunciará ante a Fiscalía de Medio Ambiente a vertedura da depuradora de Silvouta ao Sar
O río baixa negro á altura de Bertamiráns, milleiros de peixes morreron e o fedor é insoportable especialmente polas noites
A Xunta esixe ao Concello de Santiago que solucione as verteduras ao Sar
As obras da depuradora de Silvouta, en Santiago, produciron estes días unha ou varias verteduras ao río Sar.
Non só se provocou unha grande mortaldade de peixes.
O río baixa negro á altura de Ames e o fedor continuo provocou xa numerosas queixas dos veciños de Bertamiráns.
O cheiro é especialmente importante polas noites e fai o ambiente irrespirable.
Ante esta situación, o concello anunciou que presentará unha denuncia na Fiscalía de Medio Ambiente para que se investigue o caso.
Esta actuación súmase ás denuncias presentadas ante o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) e a Policía Autonómica.
O alcalde de Ames sostivo que se trata dun "atentado medioambiental moi grave" e quéixase da "pasividade e o abandono da maioría das administracións competentes nesta materia".
O rexedor municipal incidiu en que o río Sar, ao seu paso por Bertamiráns, está incluído na Rede Natura 2000, polo que esta vertedura afecta unha zona de "alta importancia ecolóxica".
O alcalde asegurou que o informe da Policía Autonómica recibido este xoves polo Concello "ratifica que hai unha vertedura" que xa chegou a Padrón e que "o xerente da UTE di que teñen permiso de Augas de Galicia para facer unha vertedura normal".
"Unha vertedura que pode facer unha depuradora normal, pero isto non é o que está sucedendo nos últimos días",
Pola súa banda, o Concello de Santiago, manifestou a súa colaboración tanto con Augas de Galicia como con Acuaest para determinar responsabilidades.
Pediu ademais que se abordase esta cuestión na comisión de seguimento da nova depuradora que terá lugar o vindeiro día 20.
A sociedade estatal Augas das Concas de España (Acuaes), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, será a encargada de informar sobre as causas da vertedura ou verteduras e das medidas adoptadas.