Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha vertedura no río Sar provoca un forte fedor ao seu paso por Ames

Unha vertedura no río Sar provoca un forte fedor ao seu paso por Ames

A orixe estaría nun problema nas obras da nova depuradora de Silvouta, en Santiago de Compostela

G24.gal 16/10/2025 14:19

As obras da nova depuradora de auga de Santiago de Compostela provocaron unha vertedura ao río Sar que está chegando a outros concellos veciños. A depuradora está en Silvouta, e dela depende que o río Sar vaia limpo, unha cuestión que vén de vello. 

Desta volta, unha vertedura motivada precisamente por esas obras provocou a mortaldade de distintas especies e un fedor, especialmente ao seu paso por Bertamiráns, en Ames, din os veciños, "insoportable". Se se segue o curso do río segue turbio. A empresa encargada das obras da depuradora é a Acuaes, dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica.

Augas de Galicia recibiu a alerta da situación e xa tomou medidas, esixiulle ao Concello e a Acuaes que tomen as medidas oportunas para solucionar canto antes a vertedura. 

Gonzalo Mosqueira, xerente de Augas de Galicia di que "o papel de Augas de Galicia é vixiar o que está pasando nos ríos" e  que se puxeron en contacto tanto con Acuaes como co Concello para "esixir que tomen as medidas o máis rápido posible para resolver a situación actual e que eles están pendentes do que pasa no río e facendo analíticas".

Pola súa banda, o Concello de Santiago, manifestou este xoves a súa colaboración tanto con Augas de Galicia como con Acuaes para determinar responsabilidades. Pediu ademais que se abordase esta cuestión, afecta a veciñanza de varios concellos aos que lle mostra a súa solidariedade, na comisión de seguimento da nova depuradora que terá lugar o vindeiro día 20. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade