A Garda Civil investiga unha vertedura ilegal de material con amianto en Castro de Rei
O Concello de Castro de Rei informou a Garda Civil de que un camión, ocupado polo menos por tres persoas, realizara ata en dúas ocasións descargas de placas de uralita nunha parcela
No transcurso da investigación, e tras o visionado das cámaras de videovixilancia instaladas polo Concello no polígono industrial -que gravan imaxes as 24 horas do día-, a Garda Civil logrou identificar o camión que realizou as descargas
A Garda Civil investiga unha vertedura ilegal de residuos perigosos nunha parcela de propiedade municipal, situada no polígono industrial de Castro de Riberas de Lea, no municipio lucense de Castro de Rei, concretamente “placas de uralita”, que “conteñen amianto ou asbesto, substancias catalogadas como canceríxenas pola lexislación vixente”.
Segundo a información facilitada este venres pola Comandancia da Garda Civil de Lugo, a actuación policial iniciouse tras interpoñer unha denuncia os representantes da administración local.
O Concello de Castro de Rei informou a Garda Civil de que un camión, ocupado polo menos por tres persoas, realizara ata en dúas ocasións descargas de placas de uralita na citada parcela. Efectivamente, os axentes que se fixeron cargo do caso comprobaron que o material abandonado era supostamente “uralita antiga, que contén amianto ou asbesto, substancias catalogadas como canceríxenas pola lexislación vixente e cuxa manipulación e eliminación require dun tratamento específico realizado por empresas autorizadas”.
No transcurso da investigación, e tras o visionado das cámaras de videovixilancia instaladas polo Concello no polígono industrial -que gravan imaxes as 24 horas do día-, a Garda Civil logrou identificar o camión que realizou as descargas.
Como resultado desas pescudas, a Garda Civil formulou dúas denuncias administrativas por supostas infraccións da Lei de residuos e sós contaminados de Galicia, que contempla sancións que poden alcanzar os 300.000 euros en casos relacionados co abandono, vertedura ou eliminación incontrolada de residuos perigosos. Os residuos foron posteriormente retirados e trasladados por unha empresa autorizada para a súa correcta xestión e tratamento.