Publicador de contidos

Publicador de contidos

Mellora a situación do incendio de Padrón que calcinou 100 hectáreas

Mellora a situación do incendio de Padrón que calcinou 100 hectáreas

O lume declarouse sobre as 16:00 horas deste venres na parroquia de Herbón

Obrigou a desaloxar unha vivenda e provocou cortes na subministración eléctrica

G24.gal 12/06/2026 21:17 Última actualización 13/06/2026 14:18

Mellora a situación do incendio forestal que continúa activo na parroquia de Herbón, no concello de Padrón. Segundo informa a consellería do Medio Rural, leva arrasadas unhas 100 hectáreas pero evoluciona cara a estabilización.

Nunha mensaxe escrita de madrugada na rede social Facebooko alcalde do municipio, Anxo Arca, asegura que non se rexistraron danos persoais nin hai vivendas afectadas.

De acordo co rexedor, os medios de extinción centraron os seus esforzos esta noite en combater o cordón de lume no monte Lapido, por riba da aldea de Casal.

O incendio, que se declarou sobre as 16:00 horas do venres, provocou cortes de subministración eléctrica nas parroquias de Herbón e de Iria e obrigou a desaloxar unha casa por precaución.

Ademais, afectou as comunicacións ferroviarias e orixinou unha fumeira aprezable dende a autoestrada AP-9 e varios concellos límítrofes como Santiago. 

Para combater as lapas, a Xunta mobilizou un dispositivo formado por un técnico, doce axentes, trece brigadas, oito motobombas, unha pa, cinco helicópteros e seis avións.

A consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número gratuíto 085 para avisar en caso de incendios forestais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade